Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Feijóo escribe ao ditado de Vox”, por Xoán Antón Pérez Lema

Despois das eleccións locais e, en doce territorios do Estado, autonómicas do 28 de maio PP e Vox pactaron para gobernaren xuntos em 140 concellos importantes e chegaron a pactos de lexislatura no País Valencià, Illes Balears e Extremadura. Vox terá a vicepresidencia da Generalitat valenciana canda as consellerías de Cultura, Interior e Xustiza e Agricultura. Tamén a consellería de Medio Rural no Goberno de Extremadura, e a Presidencia do Parlament das Illes Balears, onde partillará o goberno dos Consells insulares dw Mallorca, Menorca e Eivissa-Formentera.

Mais con ser importantes as cotas de poder que Vox vai ter nos gobernos locais e autonómicos o máis rechamante son os contidos programáticos de cadanseu pacto. O PP, é dicir Feijóo, asume acríticamente as ladaíñas mintireiras de Vox e acorda (i desprotexer a lingua catalá como cooficial nas súas variantes territoriais do País Valencià e de las Illes Balears, ii) derrogar a normativa de protección ao colectivo LGTBIQ+, iii) negar a violencia machista, desenvolvendo políticas baseadas nese relato e iv) promover como principal manifestación cultural as touradas. Por outra banda, na selección dos seus perfís para consellerías e presidencias de Parlamentos Vox promoveu a mantenta as persoas máis extremistas no seu machismo, españolismo, homofobia e negacionismo do cambio climático.

O de Extremadura foi nomeadamente grave. En primeiro lugar, porque demostrou que esa desaquelada proposta de Feijóo de que goberne a candidatura máis votada (que en Extremadura foi a do PSOE) depende da conveniencia propia, sendo como é Feijóo reincidente no principio “lo mismo que te digo una cosa te digo la otra”. Mais tamén por proxectar que non había dous PP ( un de dereita radical e outro máis centrista) canto á definición dos programas da gobernanza local e autonómico. Non, non hai tal. Só hai um, o PP que por gañar o poder pacta programas de goberno baseados no supremaciscmo españolista, no antieuropeísmo, no produtivismo non sostíbel ambientalmente, no machismo e na homofobia. Evidentemente gañou a doutrina de Díaz Ayuso, Esperanza Aguirre, Miguel Angel Rodríguez e da prensa de dereitas de Madrid.

Son dos que pensa que Alberto Núñez Feijóo non ten unha ideoloxía nomeadamente españolista nin de dereita extrema. Tampouco centrista ou mornamente galeguista. O seu é o puro pragmatismo na linde do cinismo político,.porque sempre cumpre o encargo dos que moven os fíos, dos que “parten el bacalao”. E para que dean os números seica estes pensan que non se pode reflectir dúbidas no pacto cos extremistas, como ven de denunciar o xornalista Enric Juliana.

Diante destas evidencias non sei que pensarán agora aqueles que coidaban que Feijóo como líder do PP garantía diálogo, moderación e xorne centrista. Porque o certo é que, no Estado español, nunca a extrema dereita españolista e retrógrada marcou nos últimos cincuenta anos de tal xeito contidos, relato e axenda.

Exit mobile version