Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “A democracia iliberal ameaza á Unión Europea”, por Xoán Antón Pérez Lema

Dende 1945 o consenso social europeo foi o propio dunha democracia liberal e atendeu ao propósito dunha sociedade garantista e plural, mais cohesionada arredor da economía social de mercado, a liberdade individual e máis a garantía do Estado do Benestar.

Na Grande Depresión (2008-2014) as forzas da dereita ultraconservadora europea de base chauvinista reinterpretaron o seu concepto de democracia nun sentido iliberal. Deste xeito, o primeiro ministro húngaro Viktor Orban refugaba no 2014 dos valores liberais e defendía unha democracia maioritaria non pluralista, baseada nuns supostos valores comúns da nación húngara. Chamou tamén a atención Orban a respecto da suposta falla de eficacia da democracia liberal europea fronte sistemas autoritarios como o chinés, o turco ou o ruso.

Arestora a extrema dereita xa goberna na Italia, Polonia, Hungría e noutros lugares da Europa e o debate sobre a limitación das liberdades a prol da seguridade do Estado e dos intereses públicos xa enchoupa a nosa axenda política. Mais o centro-dereita liberal, o centro-esquerda socialdemócrata e mesmo a esquerda máis ortodoxa adoitan mercar dos ultraconservadores o seu marco mental.

Velaí como no Estado español as pescudas a respecto da espionaxe do software israelí Pegasus, que atinxiu 59 cidadáns catalás e 4 vascos ( todos profesionais ou líderes sociais e políticos no lexítimo exercicio dos seus dereitos e tarefas, entre eles, por certo, varios avogados no exercicio do seu dereito-obriga de defensa) foron anestesiadas pola acción recíproca do PSOE, PP, Cs e Vox e a pasividade de Unidas Podemos e Comuns.

Arestora estamos a vivir na Unión Europea (UE) unha reasignación dos conceptos “seguridade nacional”, “interese público” ou “persecución dos delictos” para xustificar restricións nos nosos dereitos e liberdades fundamentais, nomeadamente o dereito á nosa privacidade, que inclúe o dereito ao segredo nas nosas comunicacións. Neste senso, a proposta de Directiva da Comisión Europea, que propuña prohibir softwares de espionaxe nos dispositivos electrónicos das persoas xornalistas ven de ser substancialmente reformado no Consello Europeo (CE), colexislador canda o Parlamento Europeo integrado polos 27 Xefes de Goberno dos Estados Membros (EM) da UE. Francia propuxo e ningún outro EM rexeitou que os propios EM puideran usar desta software espía por razóns de “seguridade nacional” “interese público” e “persecución dos 32 delictos incluídos na euroorde”. Cumpriralle, logo, ao PE, en canto que colexislador canda o CE, frear esta agresión aos nosos valores liberais, recuperando o texto proposto hai ben poucos días pola Comisión Europea.

O certo é que xa están ás portas, tanto nos procesos electorais locais, territoriais e estatais dos EM, canto nas europeas de 2024. E, alén diso, na asunción acrítica polos partidos liberais, democristiáns, socialdemócratas, verdes e esquerdistas europeos da maximización dos valores de democracia maioritaria e de seguridade do Estado fronte ás pluralidades territoriais e nacionais, ás minorias identitarias e idelóxicas e ás liberdades individuais e colectivas.

Exit mobile version