O achado, por parte dunha persoa particular, tivo lugar pasados dez minutos das doce e media deste mediodía. O alertador contactaba a esa hora co 112 Galicia para indicar que había un home afogado no mar, no lugar de Celeiro, indicaba que estaba na auga entre unha embarcación que estaba atracada e o porto.
De inmediato, desde o 112 Galicia pasouse aviso a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil, á Policía Nacional e Local e aos efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil de Viveiro. Ademais, foi precisa a intervención dos Bombeiros de Viveiro, que, segundo indicaron os efectivos de Protección Civil, tras recuperar o corpo, foi trasladado na embarcación que derivaran ao punto ata o peirao deportivo.
O persoal de Portos de Galicia tamén foi informado do achado a través do 112 Galicia.
As forzas da orde encárganse de esclarecer as causas do suceso.