Site icon Crónica3.com A Mariña

“Ata sempre e grazas, Arsenio”, por Félix Jorquera

Quen non esbozou un sorriso melancólico estes días lembrando ao bo de Arsenio Iglesias?. É difícil non facelo, porque o “bruxo de Arteixo” tiña gañado dende hai anos o corazón de millóns de galeg@s. Non son tantas as personaxes que aglutinan tanto agarimo, e o que é máis salientable son os motivos polos que o agora xa defunto, mais eterno adestrador do Súper Dépor, o conseguía. A receita?, sinxela: humildade, respecto, integridade.

Son valores básicos que desgraciadamente non abondan nestes tempos, xa non digamos no fútbol-negocio do século XXI.

Arsenio vaise como entrou na nosa vida, pola porta grande. Moitos souberon del cando o Dépor conquistou o apelativo de súper. E, amén dos centros milimétricos da zurda de Fran, ou dos goles de fantasía de Bebeto, viron no adestrador do equipo que tuteaba a Madrid e Barça, unha figura paternal que contrastaba co postureo dos seus homólogos noutros bancos.

Arsenio era así, nin máis nin menos. Esa era a súa grandeza, o sentidiño. E o máis importante, demostrou que esa fórmula era válida para chegar alto, sen pisar nin faltar a ninguén.

Arsenio non só abriu as portas do deportivismo a milleiros de persoas, senón que conseguiu galeguizar a esa afección deportivista. De súpeto, os nenos (os seus nenos) víanse identificados con ese paisano que falaba no noso idioma coa súa natural gheada e ritmo musical nas roldas de prensa. Adoptamos esa imaxe para nós. Non teríamos o currículo de Cruyff nin o glamour do Bernabeu, pero teníamos a Galiza resumida nun home enfundado no chándal do equipo que adestraba.

No futbolístico, Arsenio aplicou a orde como bandeira. Nun equipo que malia ser xa respectado a nivel mundial, adestraba no patacal da Torre, as florituras non tiñan sentido. Baixo esa disciplina táctica, bicaron a lona Madrid, Barça, Aston Villa… só faltou o Valencia en 1994.

Aquel día… aquel penalti… aquela liga arrebatada no derradeiro suspiro…

Aquel día Arsenio engrandeceu a súa lenda, porque para gañar vale calquera, mais para perder e facelo con dignidade e a cabeza alta, só uns poucos. Ese día, con bágoas nos ollos, moitos oímos a un home aceptar o destino coa nobreza reservada para quen deu todo o que podía e malia ilo non foi quen de atraer a deusa fortuna.

Ese día o deportivismo medrou e gardou unha cicatriz das que unen.

Un ano máis tarde, ese home castigado pola inxustiza, erguía unha Copa do Rei, que se convertía no 1º título do equipo e do fútbol galego, nunha final, como adoita acontecer cos días sinalados do deportivo, precedida da épica e os contratempos.

O tempo recompensou a quen sabía admitir derrotas e non desfalecer. “Aí a tes míster, érguea con orgullo”.

Non debeu ser abondo o conquistado para a dirección do club, que xa tiña buscado substituto para o de Arteixo. Sería porque un home que non vestía traxe de marca, non tiña o caché acaído para un deportivo de nova era da elite futbolística?. E aí chegou Toshack, que si tenía retranca por aquelo de ser galés, pero distaba moito da empatía que arrancaba Arsenio dentro e fóra do club.

Arsenio, mentres, aceptou ir ao Real Madrid. Foi un erro, el mesmo o admitiu, mais enténdese coma un xesto de “despeito” para quen non soubo entender a enorme porcentaxe de culpa que atesouraba na súa persoa o despegar meteórico do equipo galego.

Hoxe o Dépor milita na 3ª do fútbol estatal. Lonxe quedan aquelas tardes de gloria. Porén, ese estadio que agora debería levar o seu nome, segue asombrando por xuntar máis espectadores que boa parte dos equipos de primeira; e ve correr por ese céspede a un xogador que decidiu baixar 2 categorías renunciando a unha millonaria suma de cartos para xogar no seu equipo.

Nada disto sucedería sen a pegada de Arsenio. En cada berro do fondo, en cada golpe recibido e o seu correspondente encaixe de orgullo, está detrás aquel home de pelo cano, e frases memorables, “que duda cabe!”

O Dépor segue sendo grande sen importar onde milite. E como todos os clubs grandes ten as súas lendas, neste caso a meirande acaba de deixar este mundo.

Este venres, cando coñecín a triste nova do seu pasamento, pechei os ollos e imaxinei un país cun Arsenio por cada esquina. Créeme, gustoume moito a imaxe que vin.

Exit mobile version