Desde Asuembu explican que “se busca formar ós participantes mentres se divirten, tocando en grupo, a través de xogos, obradoiros, e diversas actividades. Procúranse integrar diversas experiencias co obxectivo de facer novas amizades compartindo a paixón pola música e que, dun xeito ilusionante, as crianzas maduren emocionalmente e como futuros artistas”.
E indican que “principalmente realizaremos actividades musicais xa que supoñen un recurso inestimable que permite desfrutar da música ao mesmo tempo que participan de xeito colectivo nunha actividade grandemente formativa, artística e divertida”.
Estas actividades desenvolveranse en horario de mañá e a última hora da tarde co obxectivo de acadar unha participación activa e dinámica. Irán acompañadas doutras de carácter máis lúdico para favorecer unha boa relación entre os participantes tales coma xincana, procura do tesouro, saídas pola contorna, xogos na praia, kaiak, cine e veladas nocturnas.
Desde Asuembu subliñan que “o campamento está dirixido a nenos e nenas a partir de 8 anos. Non é preciso ter coñecementos profesionais previos de música xa que se partirá dun nivel de iniciación e adaptaranse todas as actividades aos máis pequenos. Algúns dos obxectivos máis salientables do campamento son: mellorar as habilidades sociais; colaborar e aprender a traballar en equipo; ganar autonomía e confianza en si mesmo; aprender a xestionar as emocións; aprender valores coma respecto, a responsabilidade, o esforzo ou a tolerancia; e facer novas amizades”.
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, anima ás nenas e aos nenos “a aproveitar esta oportunidade para achegarse á música e para compartir experiencias entre todas e todos os asistentes. Parécenos unha boa maneira de iniciar o verán”.
A presentación do campamento musical está prevista para o 30 de xuño ás tres da tarde no pavillón dos institutos. E haberá un gran concerto final o 2 de xullo ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Burela.