Burela, 16 de maio de 2023. O presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, fai unha valoración moi positiva a XIX Feira Náutica Pesqueira que se celebrou do 10 ao 13 de maio na localidade. Llano subliñou que Burela converteuse no epicentro internacional do sector pesqueiro ao longo deses días; que os expositores están dispostos a volver no 2025 e que foi unha honra para el ser o presidente da Fundación Expomar ao longo destes anos.
Llano declarou: “estamos moi satisfeitos de cómo saíu esta nova edición de Expomar, que xa levábamos catro anos agardando a poder facela porque evidentemente en plena pandemia houbo que deixala. Así que procuramos traballalo ben e espero que gustara porque levounos bastante tempo facer as cousas de tal xeito que saíra cun resultado positivo, tal e como foi”.
O rexedor burelés subliñou que “esta 19ª edición contou con case mil metros cadrados máis de exposición, o cal abriu unhas posibilidades enormes e houbo superficie para todos aqueles que a demandaron. Ademais colocouse dun xeito que funcionalmente era moi bo para velo, para traballar e para moverse polos corredores. Saíu ben e foi unha exposición guapa, na que o sector náutico pesqueiro viuse representado a través de Fundación Expomar. O último día tivemos moitas conversas cos expositores e desde logo quedaron moi satisfeitos e a súa intención é volver no 2025, pero nese ano hai que ver que o sector náutico pesqueiro estea en boa posición, que se vexa fortalecido e con ganas, que exista futuro e que sexa unha actividade que siga aí permanentemente porque é moi necesaria agora, polo emprego e polo aporte de alimentación natural e bo que ofrece”.
O alcalde dixo que “para o 2025 queremos que haxa outra boa edición Expomar, pero debe estar de base a potencialidade do sector náutico pesqueiro, que é o queremos todos. Desde a Fundación Expomar o que buscamos é darlle o protagonismo absoluto ao sector”.
E subliñou: “o escaparate que supuxo a exposición foi interesante e durante 4 días fomos en Burela o epicentro do sector a nivel internacional, como así se veu”.
Alfredo Llano contou que “paralelamente á feira Expomar houbo as xornadas técnicas, o encontro empresarial e tamén o Consello da Pesca, que fixo aquí unha sesión. Así que entre todos foi moi complementado e o sector deu un aviso e unhas recomendacións para que se teñan en conta. Por exemplo nas decisións que se toman en Europa que realmente se deixe intervir ao sector náutico pesqueiro dunha forma decisiva, solidaria e contando con el. E que de cara ao futuro se establezan as medidas para que o sector non se sinta ameazado, que vexa que pode continuar e ter o seu protagonismo nas discusións onde se toman as decisións; aí queremos estar”.
E engadiu: “como presidente da Fundación Expomar foi unha honra estar todos estes anos aí, dalgunha forma servindo para que o sector fose fortalecido e penso que todos os membros do padroado saímos contentos e xa se está pensando na seguinte edición”.