Villares tamén apostou pola continuidade da gratuidade na escola infantil municipal e dos programas de conciliación nos períodos de vacacións sinalando que, en ambos casos, “nos esforzamos para que ningún neno ou nena quede fóra”
Cervo, 14 de maio de 2023. O candidato do PP á alcaldía de Cervo, Alfonso Villares, aposta por “servizos públicos de calidade” e, máis especificamente, durante o mitin celebrado en Cervo lembrou que “a educación e a conciliación familiar son e serán primordiais no noso proxecto de traballo”. Tamén interviron o responsable autonómico de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e o deputado, coordinador do PP provincial e integrante da candidatura, José Manuel Balseiro.
O municipio de Cervo conta con tres centros de ensino -dous colexios e un instituto- e “cremos que deben estar en condicións óptimas. Por iso non escatimamos esforzos económicos para que estean ben dotados para ofrecer un servizo de calidade aos nosos rapaces e rapazas”. Nese sentido, Villares agradeceu o compromiso da Xunta que permitiu mellorar o CEIP de Cervo grazas a un investimento de máis de 1 millón de euros.
Villares incidiu tamén no seu compromiso coa atención aos nenos de 0 a 3 anos. Nese sentido, aposta pola continuidade da escola infantil municipal “xestionada polo Concello e con traballadores públicos coa que se da cobertura de xeito gratuíto ás necesidades de tódalas familias do noso concello”.
O equipo do Partido Popular esfórzase por “atender aos veciños e veciñas”. Nese sentido, “continuaremos a desenvolver actividades que permitan a conciliación laboral das familias nos períodos de vacacións -verán, Nadal ou Semana Santa- sen que os seus fillos e fillas queden desatendidos”. De feito, “poñemos todos os recursos necesarios para que ningún rapaz ou rapaza quede fóra e temos coñecemento da boa acollida entre os nosos veciños e os doutros concellos”.
Villares propón un proxecto que continúe atendendo as necesidades dos veciños e veciñas “traballar por e para Cervo, dende os diferentes ámbitos, tal e como fixemos nos últimos anos”.