Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa Ribadeo fai un balance moi positivo da pasado ponte festiva do 1º de maio no que a ocupación hoteleira roldou o 90%

Ribadeo, 3 de maio de 2023. Acisa Ribadeo fai un balance moi positivo da pasado ponte festiva do 1º de maio no que a ocupación hoteleira roldou o 90%. A asociación agarda un verán de récord.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, fai un balance moi positivo da pasada ponte festiva: “foi unha ponte longa, sobre todo para as persoas que nos visitaron procedentes de Madrid, porque puideron alongar a súa estadía ata a xornada de onte, martes, xa que era festivo nesa comunidade. Das consultas realizadas entre os nosos asociados e asociados hai que subliñar que a ocupación hoteleira chegou nalgúns casos ao 90%, unha cifra moi importante pensando nas datas nas que estamos. No tocante ao comercio os datos tamén foron bos, xa que a grande afluencia de turistas rexistrada xerou un maior número de vendas estes días”.

O xerente da asociación ribadense, Jesús Pérez, indicou que “a restauración rexistrou un cheo absoluto nos seus locais, houbo negocios que fixeron ata catro quendas de comidas e atenderon máis de 300 servizos. Tamén houbo restaurantes que tiveron que rexeitar as reservas de última hora porque levaban xa días completos. Terrazas e bares estiveron a tope ás horas dos viños, das cañas ou dos aperitivos. E incluso se produciu un despunte nas noites do venres e do sábado no ocio nocturno. O paseo marítimo, o parque de San Francisco e a súa contorna, a rúa San Roque, a praia das Catedrais… foron algúns dos enclaves que máis presenza de turistas rexistraron estes días”.

Cruzado Iglesias subliñou: “non podemos esquecernos tampouco do Camiño de Santiago, polo que cada día pasan mais peregrinos, na súa maioría estranxeiros. Ribadeo é un referente turístico de primeiro nivel, algo ao que contribúen a calidade da súa gastronomía, do seu comercio e dos seus hoteis e aloxamentos, así como a beleza paisaxística e monumental desta vila. Si continuamos a este ritmo o verán de 2023 será de récord en Ribadeo. E iso será moi bo para a economía local”.

Pérez Prada dixo: “en Acisa seguimos traballando para que as tempadas altas se alonguen cada vez máis e sobre todo para que no outono e na primavera sexan mais as persoas que se acheguen a pasar as fins de semana a Ribadeo, por iso organizamos xornadas gastronómicas ou outras actividades que lles poidan resultar atractivas e que as animan a pasar uns días entre nós”.

Día da Nai

Acisa Ribadeo iniciou o pasado 28 de abril a súa campaña do Día da Nai, que premiará a aquelas persoas que realicen as súas compras no comercio local ata o vindeiro domingo, 7 de maio.

Os comercios reparten estes días 10.000 rifas, que os clientes deben cubrir cos seus datos para entrar no sorteo dunha experiencia de desconexión para dúas persoas, doada por Viaxes Eroski; un bono de seis meses cortesía de BeOne; e 100 euros en vales de compra para consumir nos establecementos asociados a Acisa Ribadeo. O sorteo terá lugar nas instalacións da asociación ribadense o vindeiro 10 de maio.

Anteriormente o 7 de maio, Día da Nai, Acisa repartirá flores nas Catro Rúas de Ribadeo “para que todas as mamás conten cun detalle ese día das súas fillas, dos seus fillos ou das súas parellas. Desde as 12 do mañá encheremos de cor esta xornada tan especial”, engadiron desde Acisa, que anima a celebrar esta data na hostalería local “onde atoparán todo tipo de propostas para este festexo familiar”.

Exit mobile version