Ribadeo, 11 de maio de 2023. Acisa e Concello de Ribadeo asinaron o convenio de colaboración anual que regula a axuda de 20.000 euros que recibe a asociación ribadense para seguir apoiando ao comercio e ao sector servizos, é dicir o consumo en clave local, e para levar adiante diversas iniciativas e actividades.
A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, indicou que “grazas á firma deste convenio, poderemos desenvolver diferentes accións de dinamización comercial e hostaleira e de promoción turística, tal y como vimos desenvolvendo nestes anos. Concello e Acisa seguimos a traballar xuntos, algo que sen dúbida algunha é bo para Ribadeo e para os nosos socios e socias. O convenio desde ano chega con novidades, grazas ás negociacións destes meses e ao traballo realizado dende o pasado ano por parte da xerencia de Acisa. Queremos agradecer dende a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo que o Concello atendera as nosas peticións a este respecto”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “neste convenio conseguimos unha ampliación orzamentaria, xa que pasa de 16.000 a 20.000 euros, co que poderemos ter mais capacidade para realizar actividades e comprar materias para os socios e socias de Acisa. De feito, nestas dúas liñas de actuación nas que se centre o convenio: na realización de actividades de dinamización comercial e hostaleira como concertos, sorteos, campañas promocionais e publicitarias, e na compra de materiais para entregar gratuitamente ás socias e socios do noso colectivo empresarial”.
O concelleiro de Comercio e Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, dixo que “este convenio pretende servir para acadar os obxectivos principais que nos marcamos, que veñen sendo a difusión do noso comercio, a acción formativa e de promoción turística e comercial, tamén iniciativas innovadoras e accións de apoio continuado ao comercio local”.
Vizoso Galdo engadiu que “coa sinatura deste convenio amosamos unha vez máis o compromiso do Concello coa actividade asociativa e co sector comercial e de servizos da nosa vila precisamente para que Ribadeo siga sendo un lugar de referencia dun comercio próximo e de calidade e un destino turístico principal”.
Na firma do convenio anual entre Concello de Ribadeo e Acisa, que tivo lugar no salón de plenos do Pazo de Ibáñez, participaron o alcalde, Fernando Suárez, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o concelleiro de Comercio, Pablo Vizoso, o xerente de Acisa, Jesús Perez, e o secretario accidental do Concello, José Rodil.