Ribadeo, 16 de maio de 2023. Acisa Ribadeo fai un balance positivo do arranque da campaña do seu Rasca e Gaña, que deu comezo o pasado venres e que se prolongará ata o 23 de xuño. Dende a asociación destacan que se repartirá 15.000 premios valorados en máis de 180.000 euros. E o volume de negocio que xerará estímase que será superior aos dous millóns de euros.
A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, destacou: “estamos moi contentos de como arrancou a campaña do Rasca e Gaña de Acisa Ribadeo. As primeiras impresións recibidas tanto dos negocios como da clientela son moi boas. A xente está contenta, xa se comezou a entregar algún premio e isto é moi importante”.
E engadiu: “na hostalaría nesta semana ademais temos un dobre aliciente, en 13 dos establecementos participantes no Ribadeo de Tapeo, que organiza o Concello, que son asociados de Acisa, ademais de desfrutar da súa tapa, a clientela poderá pedir o seu rasca e levar un fantástico premio”.
Cruzado Iglesias declarou: “queremos insistir en dúas cousas. En primeiro lugar quero dirixirme ás asociadas e asociadas de Acisa Ribadeo para que selen os rascas antes de entregalos á súa clientela. Que non se esquezan. Como na maioría das campañas que organizamos precísase que o selo dos establecementos apareza nos rascas. E en segundo lugar dicirlle á clientela dos negocios asociados a Acisa que pidan sempre que merquen ou consuman os seus rascas. Hai 15.000 premios en xogo e queremos que todos sexan entregados”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, contou que “no comercio temos un segundo aliciente maior. Onte comezou o bono activa comercio, isto quere dicir que aos descontos ou vales de compra que podes gañar para desfrutar nunha tenda grazas ao Rasca e Gaña de Acisa, podes engadirlle o desconto do bono activa comercio da Xunta. E dicir, por poñer un exemplo, se fas unha compra de 50 euros, terás o desconto de 15 euros que aplica o bono activa comercio, mais o desconto que che toque no rasca e que oscila entre o 5 e o 50 % ou con vales de compra entre 5 e 30 euros. É dicir unha compra de 50 euros podería saírche por 25 euros ou aínda menos, o que significa que poderás facer compras pagando menos da metade do prezo do produto; poucas oportunidades así temos no comercio. Nestes momentos xa hai 35 comercios de Ribadeo adheridos nos que se pode usar o bono activa comercio e 22 deles son asociados a Acisa. Estamos de seguros de que esta cifra aumentará nos vindeiros días”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, manifestou: ”polo tanto, queremos animar a todo o comercio, pero especialmente ao comercio asociado a adherise ao bono activa comercio e a todos os ribadense a descargalo e usalo”.
E destacou: “os negocios asociados a Acisa Ribadeo contan co asesoramento da asociación para poder adherise a esta campaña e solucionar calquera dúbida e dende as nosas oficinas tamén ofreceremos asesoramento para que a clientela que poida ter problemas ou dificultades coa descarga do bono poida solucionalas”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, lembrou que “en circulación están desde o pasado venres 100.000 rascas, dos que máis de 15.000 teñen premio. Cando presentamos esta campaña dixemos que se trata probablemente da de maior valor nos seus premios, e non esaxeramos xa que estamos a falar de que o importe total dos premios pódese estimar en arredor de 180.000 euros, sen dubida algunha trátase da campaña de maior valor que tivo calquera outra na historia de Acisa Ribadeo”.
Pérez Prada subliñou: “coa prudencia que sempre requiren as cifras, facendo unha media de gasto de 30 euros por rasca entregado estaríamos a falar dun movemento económico duns 2 millóns de euros, sen contar o posterior que xerarían os propios premios ao ser utilizados para novas compras ou consumicións. É dicir a repercusión económica será dobre, a da venta pola que che dan o rasca e a da venda para desfrutar o premio. Isto sen dubida algunha fai que esta poida ser a campaña con maior repercusión realizada por Acisa e con maior impacto económico”.