A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe a ruta de sendeirismo que discorre por esta contorna do Concello do Vicedo
Durante o seu percorrido pola ruta de sendeirismo cara á Punta Socastro, na que estivo acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e do alcalde da localidade, Jesús Novo, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, incidiu na importancia de garantir o equilibrio entre o cada vez maior número de visitantes e a conservación dos valores naturais desta contorna, que está catalogada como Rede Natura 2000.
Nesa liña, Ángeles Vázquez puxo en valor o acondicionamento de paseos, sendeiros e áreas de ocio que permitan o desfrute público e, ao mesmo tempo, proporcionen información sobre os valores naturais e paisaxísticos que reúnen os espazos protexidos.
Segundo dixo a conselleira, o obxectivo cara ao que debemos avanzar é a recuperación e acondicionamento de espazos que faciliten a potenciación dun modelo de desenvolvemento sostible que permita o contacto directo coa natureza mediante unha axeitada distribución dos fluxos turísticos.
Bandeiras azuis 2023
E, precisamente no marco dese compromiso por desenvolver un modelo de turismo sostible na Comunidade, a conselleira lembrou que este ano as praias da provincia de Lugo renovaron as 18 bandeiras azuis que acadaron en 2022, entre as que figuran os 2 distintivos que o Concello do Vicedo obtivo na pasada edición.
Cómpre subliñar que os criterios esixidos pola Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) para a concesión da bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas —que ten que ser excelente—; a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade.