A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, así o avanzou hoxe en resposta a unha pregunta na Comisión 2ª do Parlamento
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2023. A Xunta licitou hoxe por importe de 4,7 millóns de euros as obras do novo colector xeral de Burela, que mellorarán o sistema de saneamento municipal.
A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, en resposta a unha pregunta na Comisión 2ª do Parlamento, indicou esta mañá que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a publicación deste contrato, ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 13 de xuño.
Sinalou que a previsión é adxudicar as obras a finais de ano para poder comezar coa súa execución a principios do vindeiro.
Teresa Gutiérrez indicou que se executará unha estación de bombeo e tratamento de augas que recollerá a maior parte das augas residuais de Burela para impulsalas cara á futura depuradora.
Para isto, renovarase a rede de colectores xerais para dirixir as augas residuais á nova estación de bombeo e construiranse colectores secundarios para dar servizo á zona portuaria, reducindo a infiltración de auga ao sistema na zona da fronte marítimo.
Remarcou que tamén se acometerán unha impulsión desde a estación de bombeo á nova depuradora, unha condución de vertido e a correspondente impulsión á nova depuradora da zona adxacente á lonxa.
A directora de Augas de Galicia incidiu en que esta intervención contribuirá a solucionar os problemas de saneamento no concello de Burela e que se verá completada coa nova estación depuradora, cuxo proxecto está redactado e continúa avanzando para completar a tramitación ambiental. A previsión é poder licitar as obras no segundo semestre do ano.
Estas dúas actuacións permitirán o correcto funcionamento do sistema municipal de saneamento e depuración e suporán un investimento global da Xunta de máis de 14 M€.