Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta informa aos concellos lucenses das axudas que poden solicitar ata o 8 de xuño para financiar os CIM e fomentar a igualdade

A orde contempla tres liñas de achegas orientadas a soster os Centros de Información á Muller, a desenvolver programas de conciliación e a loitar contra a violencia de xénero

Lugo, 12 de maio de 2023. A Xunta de Galicia informou hoxe aos concellos lucenses sobre as axudas que poden pedir ata o próximo 8 de xuño para soster os Centros de Información á Muller (CIM), loitar contra a violencia de xénero e desenvolver programas de conciliación e corresponsabilidade familiar.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicáronlles aos representantes municipais as liñas recollidas na convocatoria deste ano, dotada con 9,3 millóns de euros.

No tocante aos CIM, o Goberno galego destina 4,3 millóns de euros a financiar os gastos das e dos profesionais que desenvolven nestes centros postos laborais de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Ambos responsables autonómicos lembraron que a rede de CIM lucenses está formada por 11 centros que dan servizo a 37 municipios. “Constitúen un recurso fundamental na atención próxima ás mulleres, de forma especial ás vítimas da violencia de xénero”, sinalaron, ao tempo que apuntaron que estes apoios para sufragar gastos de persoal súmanse ás axudas que o Goberno autonómico publicou por primeira vez este ano destinadas tamén ás entidades locais, para a mellora e rehabilitación do equipamento destes centros, que son de titularidade municipal.

En canto á liña de financiamento para favorecer a conciliación, distribuirá preto de 4,5 millóns de euros entre os concellos galegos para desenvolver programas dirixidos a familias con fillos e fillas menores de 16 anos. Darase prioridade aos fogares monoparentais, vítimas de violencia de xénero, desempregadas de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou a unidades familiares con outras cargas relacionadas cos coidados.

Neste apartado encádranse servizos que queiran poñer en marcha os concellos a favor da cidadanía como a prestación de coidados profesionais no domicilio ou medidas de conciliación en dependencias públicas. Tamén para deseñar plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade destinados aos homes e ás familias en xeral.

A terceira liña comprende achegas para que as entidades locais poñan en marcha nos respectivos municipios accións de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero. Está dotada con 500.000 euros.

Exit mobile version