A conselleira do Mar inaugurou a XIX Feira Monográfica Náutico-Pesqueira Expomar que se celebra desde hoxe ata o sábado en Burela
A titular de Mar sinalou que, tanto este certame como as XXX Xornadas Técnicas e o XIV Encontro Empresarial que se celebran de xeito paralelo, supoñen unha gran oportunidade para abordar retos como a transición enerxética cara a posibles alternativas viables aos combustibles fósiles. Neste sentido, Rosa Quintana asegurou que Galicia comparte con Bruxelas o obxectivo de contar cunha frota máis ecolóxica ao mesmo tempo que reclamou unha vía técnica asumible e axudas adicionais para poder adaptar os buques.
“Expomar ofrécenos moitos avances que conducen a seguir no camiño da viabilidade da nosa frota, coa vista posta na consecución da súa descarbonización”, manifestou a responsable autonómica, e reclamou “comprensión” unha vez máis á Comisión Europea ante os cuantiosos investimentos e a adaptación gradual que require a frota.
A conselleira do Mar tamén fixo referencia á variedade de solucións á seguridade e conectividade que se poden ver na Feira de Expomar, unhas cuestións que contribuirán a outro dos grandes desafíos que ten por diante o sector: a remuda xeracional. Así, apelou tamén á necesaria simplificación dos requisitos para adquirir unha primeira embarcación e acceder aos fondos europeos para facer máis atractiva a actividade marítimo-pesqueira ás novas xeracións.
A este respecto, sinalou que as actividades levadas a cabo pola Fundación Expomar son idóneas para propiciar solucións en favor do futuro do sector. De feito, as Xornadas Técnicas abordarán entre mañá e o venres dúas temáticas fundamentais como son a xestión pesqueira, poñendo o foco nas leis de pesca marcadas pola Unión Europea, e a socio economía, enfocada no papel da actividade pesqueira como panca comercial e social.
Unha magnífica oportunidade, apuntou, para pulsar e afondar na actualidade pesqueira e fomentar o intercambio de opinións entre as distintas administracións pesqueiras e demais axentes (profesionais do sector, lonxas, exportadores, empresas de distribución e produción e organismos científicos).
XXX Feira Monográfica Náutico-Pesqueira
A Feira Expomar, de carácter bianual, pretende superar as cifras acadadas na última edición –celebrada en 2019, pois en 2021 por mor da pandemia– a cal se converteu na máis concorrida da historia con 135 expositores que representaron a máis de 350 marcas de diferentes países. Este ano, a Xunta de Galicia participa cun posto de 96 metros cadrados onde se ofrecerá información sobre distintas marcas acreditadas como Mexillón de Galicia, Bonito do Norte ou pescadeRías, baixo o paraugas da campaña GALICIA SABE AMAR.
“É un orgullo que Expomar forme parte das tres grandes feiras marítimo-pesqueiras que teñen lugar no noso país, xunto a Bilbao e Vigo, e que sexa exemplo de puxanza e de evolución”, indicou Rosa Quintana, que destacou que este recoñecido evento sirve de inspiración para outras feiras irmáns como a que se celebra en Cabo Verde.
Ademais, a cita coincide este ano cunha gran efeméride local, pois a Confraría de Pescadores San Xoán Bautista de Burela –que forma parte do do Padroado da Fundación Expomar– cumpre un século de historia.