Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia da Deputación patrocina o 5ª Rally da Mariña, con treitos en Muras, Ourol, Cervo, Xove e O Vicedo

Mónica Freire destacou o crecemento doa proba, que dá a oportunidade de competir na casa a equipos da comarca e achegará á Mariña afeccionados e afeccionadas de toda Galiza

O Vicedo, 11 de maio de 2023. Esta tarde presentouse no Vicedo a quinta edición do Rally da Mariña Lucense, que se disputará o venres e o sábado en treitos dos concellos de Muras, Ourol, Cervo, Xove e O Vicedo.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo é a principal patrocinadora da proba, na que participarán 86 equipos, entre eles 13 equipos da Mariña e os grandes favoritos para o Campionato Galego de Rally de Asfalto como Víctor Senra e Alberto Meira, ou Luis Vilariño, Javier Ramos, Alberto Nimo ou Pablo Rey.

Na presentación, a deputada mariñá Mónica Freire suliñou “a rápida consolidación desta proba entre equipos e público” e que “canaliza e reforza gran afección ao motor que hai na comarca, ademais de supoñer un aliciente máis para que se acheguen ata a comarca afeccionados e afeccionadas ao rally de toda Galiza, para desfrutar do espectáculo
deportivo e tamén dos recursos patrimoniais e naturais de todos os concellos implicados neste evento”.

No acto, que se celebrou no porto do Vicedo, participaron tamèn representantes dos concellos polos que pasa a proba e algúns dos pilotos locais, así como o presidente da escudería organizadora da proba MixRallySports, Ignacio Dávila, e a directora técnica da carreira, Maite Vilanova.

O Rally da Mariña Lucense, a terceira proba do Campionato Galego de Rally, disputarase en cinco treitos: o de Cervo, de 8,50 quilómetros, con saída diante da fábrica de Sargadelos e chegada no Castelo; o de Xove, de 10,47 quilómetros, con saída diante da Casa do Concello e meta no Monte Golán; o do Vicedo, de 11,10 quilómetros, que comeza na Avenida Deputación e remata no Folgueiro; o de Muras, de 9,90 quilómetros, con saída no centro de Muras e chegada na Armada; e o de Ourol, de 11,68 quilómetros, entre a igrexa de Xerdiz e As Ucheiras.

A ceremonia de saída será o venres ás 20.00 horas en Viveiro, que acollerá os parques de asistencia (Celeiro) e reagrupamento (Covas). A continuación disputaranse as primeiras pasadas dos treitos de Cervo e Xove. A competición completarase o sábado.

Exit mobile version