Site icon Crónica3.com A Mariña

A Subdelegación do Goberno colabora na seguridade do V Rally Mariña Lucense, que reunirá esta fin de semana a máis de 10.000 afeccionados do motor

“Trátase dunha competición consolidada que suporá unha gran axuda para a economía e o turismo da Mariña, pois agardase unha afluencia de público de entre 10.000 e 20.000 espectadores”, remarcou a subdelegada

Lugo, 4 de maio de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a Xunta de Seguridade con motivo da quinta edición do Rally Mariña Lucense prevista para esta fin de semana. Isabel Rodríguez fixo fincapé na necesidade de lembrar aos afeccionados que se sitúen en lugares seguros, respectando as medidas establecidas pola organización da proba, para que o evento se desenvolva con total normalidade. “Trátase dunha competición consolidada que suporá unha gran axuda para a economía e o turismo da Mariña, pois agardase unha afluencia de público de entre 10.000 e 20.000 espectadores durante estes tres días”, apuntou a subdelegada.

Na xuntanza que acolleu este luns a Subdelegación do Goberno definiuse un amplo dispositivo por parte das Forzas e Corpos de Seguridade para garantir a seguridade durante a celebración da proba deportiva, que transcorrerá por 6 municipios da comarca da Mariña. O seu labor comprenderá desde controlar a apertura e peche de cada tramo no horario establecido ata supervisar as vías de evacuación e previr infraccións e comportamentos que atenten contra a seguridade de pilotos e público.

Este quinto Rally da Mariña Lucense terá lugar os vindeiros 12, 13 e 14 de maio nos concellos de Viveiro, Xove, Cervo, Muras, Ourol e O Vicedo. A carreira, que é válida para o Campionato Galego de Rallies, consta dun percorrido de 360,97 quilómetros, dos cales 103,30 son cronometrados. Para esta quinta edición hai 86 pilotos e 36 escudarías inscritas, entre os que destacan nomes como os de Victor Senra ou Alberto Rey, os dous primeiros clasificados do campionato autonómico.

No encontro participou o presidente da Escudaría Mix Rallye Sport, organizadora da carreira; Ignacio J. Dávila; así como da Garda Civil, Subsector de Tráfico, Policía Nacional e Local, Xefatura provincial de Tráfico, Bombeiros e de Protección Civil, ademais de representantes dos concellos polos que discorrerá o rally, e da Xunta.

Exit mobile version