Site icon Crónica3.com A Mariña

A Quinta Laranxa

Sexta Copa da Raíña, quinta consecutiva, para o Pescados Rubén Burela FS

Burela, 1 de maio, 2023. Este sábado no Polideportivo Rey Felipe VI de Boadilla del Monte disputouse a final da Copa de S.M. a Raíña, Pescados Rubén Burela FS – STV Roldán, no que, un ano máis, as Raíñas Laranxas proclamáronse campioas despois dun partido moi disputado, moi loitado por ambos equipos, que rematou cun resultado 3-2. Na primeira parte o xogo está moi igualados, prudencia e poucas ocasións. Unha ocasión de Peque no minuto 7 esperta o encontro, correndo pola banda sen que ninguén poida detela, dispara e o balón é desviado pola porteira do equipo murciano, Cristina, que fixo un grandísimo partido. Non é ata o minuto 13 no que Patricia consegue subir o marcador 1-0 cun gol tras unha recuperación e pase de Peque desde o seu campo. Outra dobre oportunidade de Emilly no minuto 17 levanta á afección do Burela FS da bancada cun paradón de Cristina. Chega o descanso cun gol no marcador para o Pescados Rubén.

Na segunda parte o partido ponse máis emocionante, continúa bastante igualado pero con máis oportunidades e maior dominio do balón do Burela, aínda que o Roldán tamén se mostrou moi ofensivo e con boa defensa e boas recuperacións. Comeza o segundo tempo con outro gol Patricia, que tamén brillou neste encontro, cun remate tras un centro de Irene Samper que se coa na portería rival. Pouco despois, no minuto 26 un erro defensivo do Burela achega ao Roldán ao empate, cun gol de Laura que deixa pasar Emilly e que se coa na portería da brasileira Jozi Oliveira nun descoido da mesma. No minuto 30 outra oportunidade clarísima de Emilly e Irene Samper non consegue o terceiro gol, pero no 35 a veloz zaragozana marca o 3-1 tras un moi bo pase de Peque. É entón cando o equipo de Joaquín Peñaranda recorre a a porteira-xogadora, e consegue o 3-2 no minuto 36, cun gol de Ángela, de novo tras un descoido da porteira do conxunto burelense. O Roldán continúa atacando con porteira-xogadora creando momentos de moita tensión para o equipo mariñán, aínda que non logra o empate, proclamándose campión un ano máis o Pescados Rubén Burela FS. O adestrador do conxunto mariñano, Julio Delgado, aínda que lamenta os dous goles que lles encaixaron por falta de concentración, mostra o seu orgullo por cada unha das súas xogadoras, “Puxéronnos as cousas moi difíciles, aguantou ben o equipo fisicamente, xa o remarquei onte e volvo remarcalo hoxe e creo que foi unha das claves no partido, esixíunos moitísimo pero estivemos á altura”.

As xogadoras do Burela volven á casa con dous de dous títulos disputados esta tempada e esperando que non sexa o último, Peque MVP do campionato e sexta Copa da Raíña para o equipo laranxa, quinta consecutiva. Declara Julio Delgado en rolda de prensa, “teño moita ilusión por gañar esta Copa, seguimos aí, título tras título, moi difícil”, “é que teñen unha fame tremenda, mira que reestruturamos o persoal con oito baixas o ano pasado, hai xente que chegou nova, pero é mirar aos ollos e saes tranquilo ao campo”.

Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS – STV Roldán FSF

Pescados Rubén Burela FS: Caridad (P), Dany, Peque (C), Irene Samper, Emilly – cinco inicial- Saki, Cilene, Jenny, Antía Pérez, Patricia, Jozi Oliveira (P).

STV Roldán FSF: Cristina (P), Laura, Mayte (C), Lola, Consuelo -cinco inicial-, Villa, Toñi, Alba Gandía, N.Montoro, Marian, Ángela Górriz, Carmen, Almudena (P), María V. (P).

Goles: Min.13 Patricia 1-0; min.22 Patricia 2-0; min.26 Laura 2-1; min.35 Irene Samper 3-1; min.36 Ángela Górriz 3-2.

Equipo Arbitral: Alberto Carrión Álvarez, Noelia Gutierrez Muñoz, Jorge Moreno Durán.

TA: min.4 Antía Pérez, min.12 Carmen, min.13 Alba Gandía, min.30 Marian, min.32 Joaquín Peñaranda, min.36 Mayte, min.39 Ángela Górriz.

Exit mobile version