O produto TORDON™ Star, que a empresa pretende aplicar en grande parte do trazado, é un herbicida moi tóxico
O produto TORDON™ Star, que a empresa pretende aplicar en grande parte do trazado, é un herbicida moi tóxico, nomeadamente para organismos acuáticos; e causante de reaccións alérxicas na pel e danos nos ril. Sobre un dos seus compoñentes, Plicoran ou derivados do mesmo, existen estudos que o catalogan como altamente canceríxeno.
Só por este motivo, resulta absurdo a aplicación dun produto desas características para o obxectivo que se persigue de controlar a vexetación espontánea na traza do gasoduto, cando se pode optar por prácticas máis seguras e respectuosas co medio e coa saúde da veciñanza como pode ser mesmamente a roza mecánica.
Por outra banda, a documentación exposta non aclara aspectos moi relevantes: método de aplicación, dose, superficie a tratar, etc. Así mesmo, os mapas a escala 1:10.000 non permiten determinar con exactitude as zonas nas que se pretende aplicar o herbicida. Isto é de singular gravidade xa que a zona a tratar atravesa terreos incluídos en espazos protexidos ligados ao medio acuático (Ría de Ribadeo, esteiro do Masma, río Ouro, etc) sobre os que precisamente este produto ten un impacto crítico, segundo a ficha de seguridade do mesmo, e masas de auga superficial que a mesma ficha di que deben deixarse distancias de 5 metros, que non poden apreciarse na cartografía exposta.
As alegacións
As alegacións presentadas fan fincapé na necesidade de que non se conceda o permiso á actuación proposta mentres non se clarexen as dúbidas expostas sobre superficie total afectada e o tratamento proposto, así como unha cartografía co detalle necesario para localizalas.
Piden, ademais, que se reconsideren os traballos propostos e se desbote a aplicación de herbicida, optando polo tratamento mecánico da broza.
Faise tamén un chamado aos concellos polos que descorre a infraestrutura para que informen á veciñanza das pretensións desta empresa e se lle notifique de xeito individualizado a todas as persoas propietarias dos predios afectados e dos adxacentes á realización dos traballos.