Este distintivo de recoñecido prestixio outorgado pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) avala a calidade das súas augas e os servizos prestados, acreditando que a Praia de Area cumpre e mantén uns estritos criterios ambientais, educativos, de seguridade e de accesibilidade.
“A evolución dos datos de turismo en Viveiro no último ano e as perspectivas que avanza o sector indican que vai ser un verán moi bo para a nosa vila, para a nosa hostalaría e o noso comercio. Estamos orgullosos de que a Praia de Area sexa un atractivo máis para atraer ao turismo de natureza e sostible que estamos a defender e polo que traballamos dende o primeiro día dende o Concello”, subliña a alcaldesa, María Loureiro.
A praia de Area ten unha lonxitude de 1.200 metros de area branca e de ondada tranquila, con forma rectilínea e un conxunto dunar de grande interese paisaxístico.