Lourenzá, 2 de maio, 2023. A Escola de Arroxo, en Lourenzá, abre as portas á exposición “Palabra e Memoria”, unha experiencia de educación social impulsada polo Modelo Burela. A mostra, composta por 23 fotografías de epitafios recollidos de diversos cemiterios da comarca da Mariña a partir dun núcleo inicial de 6 instantáneas tomadas no ano 2009 en Burela pola fotoxornalista Pepa Losada (de La Voz de Galicia), será inaugurada ás 19h do próximo martes 9 de maio.
Educación dentro e fóra dos recintos educativos
Cúmprense agora 20 anos desde que a iniciativa educativa Modelo Burela planificase unha actuación de dinamización cultural e económica no ámbito local. Despois dunha fase de diagnóstico realizada entre a poboación de Burela, o seguinte paso consistiu nun traballo de campo: a localización de dez tipos de documentos relacionados coa vida diaria (correspondencia privada; invitacións de cerimonias; contratos; comunicacións comerciais; actas de reunións ou mesmo testamentos) foi seguida dun proceso de catalogación e unha posterior exposición na Casa da Cultura. Todo co obxectivo de conseguir un ensino-aprendizaxe participativo e vinculado á realidade no espazo e no tempo. A redacción e aprobación do articulado da planificación lingüística municipal, a posta en marcha dun programa de atención á diversidade do alumnado en risco de exclusión social e o aproveitamento da radio como ferramenta educativa a través do programa Proxecto Neo (2012-2023) foron importantes pasos de ampliación, que complementaron o primeiro proxecto.
Despois da adaptación a outros lugares da Mariña -entre eles, os termos municipais de Ferreira do Valadouro e O Vicedo e a localidade de Rinlo, en Ribadeo-, o Modelo Burela propúxose estudar os vínculos entre a literatura e o desenvolvemento cultural e económico do seu ámbito de influencia. Para iso realizou viaxes de estudo ás localidades natais de varios escritores, entre eles: Francisco Fernández del Riego (Lourenzá), Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo de Valdeorras); Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces); e Xosé María Díaz Castro (Guitiriz).
Coa pedagoxía Modelo Burela como guía, nos Vilares (Guitiriz) Raúl Río realizou un traballo de recollida de información, de contacto coas familias e de redacción das explicacións que acompañan unha antoloxía dos epitafios máis significativos. A colaboración das asociacións Os Vilares Lareira de Soños e Xermolos permitiu alcanzar a transversalidade, unha das características fundamentais das actuacións Modelo Burela.
Na vila de Lourenzá e no seu ámbito de influencia a mensaxe divulgativa de Francisco Fernández del Riego foi ben acollida pola poboación. Varias ducias de familias (un total de 32 só na parroquia laurentina) usaron o idioma galego para o recordo das persoas enterradas no cemiterio local, o que supón un 10% sobre un total de 320 panteóns. No acto de inauguración da exposición Palabra e Memoria ofrecerase unha visión panorámica das inscricións localizadas nas catro parroquias do concello (Santa María, San Tomé, Santo Adrao e San Xurxo) e tamén nas barreirenses de Celeiro de Mariñaos, San Xusto e San Xulián de Cabarcos; e na de Santo Estevo da Fórnea, en Trabada.