Site icon Crónica3.com A Mariña

A Escola Municipal de Música e Danza organiza este mércores concertos didácticos no Auditorio Hernán Naval

Ribadeo, 23 de maio de 2023. A Escola Municipal de Música e Danza organiza concertos didácticos o 24 de maio no Auditorio Hernán Naval.

A concelleira de Educación e Cultura, Pilar Otero explicou que “como vén sendo habitual no remate do ano académico, a Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo retoma os seus tradicionais concertos didácticos para escolas da comarca da Mariña. En total serán máis de 500 nenos e nenas de educación primaria as que se acheguen este mércores, 24 de maio, ao Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo en sesión dobre, ás 10 e ás 12 da mañá”.

Pilar Otero recorda que esta é outra actividade máis na que o Concello amosa a súa implicación con todos os centros de ensino e manifesta a súa satisfacción pola boa resposta deste tipo de concertos entre o seu alumnado: “para nós é un pracer ver como cada ano son os propios centros os que nos demandan a realización desta actividade como un complemento á súa formación regrada”.

O responsable do centro, Hugo García, aclarou que “ao longo do concerto farase unha presentación de cada un dos instrumentos e das especialidades de danza, pois interésanos que as nenas e nenos os coñezan individualmente”.

García Presno, responsable da EMMeD, engadiu: “queremos achegar dun xeito lúdico e atractivo as diferentes especialidades instrumentais e de danza que se imparten no centro aos nenos e nenas de primaria, facerlles ver que pode ser un elemento máis na súa construción como persoas”.

A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo pechará o ano académico 2022/23 o vindeiro 17 de xuño co tradicional Festival de Fin de Curso.

Exit mobile version