A institución colabora co Concello de Viveiro na mellora de equipamentos deportivos, mantemento de insfraestruturas, accesos a vías municipais, dotación de alumeado público e promoción turística; e con Burela para a renovación integral dunha parte do parque infantil de Rosalía de Castro, situado xunto á rúa Pardo Bazán
Lugo, 19 de maio de 2023. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres investimentos por importe total que supera o millón de euros para continuar mellorando a mobilidade nas estradas provinciais, dotar de máis e mellores servizos públicos á veciñanza, e apoiar iniciativas e eventos para a promoción da provincia. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen informou dos acordos adoptados na reunión celebrada esta mañá.
Por unha banda, quedaron adxudicadas por 180.000€ as obras de mellora da estrada provincial LU-P-2801, que vai de San Adriano a Augaxosa ao seu paso polo concello de Lourenzá. As obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Isidro Otero SL e o prazo de execución é de dous meses.
O proxecto contempla a limpeza dos laterais da estrada; e as actuacións necesarias para ter un bo sistema de drenaxe co fin de garantir a correcta evacuación das augas cando chova; así como o aglomerado en quente do firme, a colocación das arquetas e sumidoiros, e a sinalización horizontal.
Con esta actuación, explicou Pilar García Porto, “damos resposta a unha petición feita pola Alcaldesa de Lourenzá, para acondicionar esta vía, que dá servizo a centos de veciños e veciñas, tanto deste concello mariñano, como de Riotorto”.
Por outra banda, na Xunta de Goberno de hoxe saíu adiante a licitación de obras en Ribeira de Piquín por un importe de 120.000€ para a renovación da estrada LU-P-4606, que vai de Rioxoán, por Boel, Chao de Pousadoiro e Carballido, a Asturias, nun treito de 7 quilómetros, entre os puntos quilométricos 15,980 e 23,130.
Na reunión, o Executivo aprobou tamén licitar por 65.000€ o contrato para a reposición da sinalización horizontal da LU-P-0708, que une Cereixal con Louxas, dende o inicio da vía ata o quilómetro 26, e que dá servizo aos concellos de Baleira, Becerreá, A Fonsagrada e Navia de Suarna.
Ademais, acordou a licitación das obras para o acondicionamento do firme de dúas estradas provinciais no Saviñao por un importe conxunto superior aos 176.000€. Trátase, por un lado, da mellora da vía de Lamaquebrada a Montecelo, a LU-P-5807, nun treito de 6 quilómetros desde o inicio da vía; e, por outro lado, da mellora dos primeiros 5 quilómetros da LU-P-5808, que pasa polo lugar de Valiñocobo.
Dotacións municipais
A Xunta de Goberno de hoxe aprobou un acordo de colaboración a través do que a Deputación de Lugo achega 115.000€ ó Concello de Viveiro para melloras de equipamentos deportivos municipais, mantemento de infraestruturas, accesos a vías municipais, dotación de alumeado público e a iniciativas de promoción turística.
Entre as actuacións que o Concello acometerá con esta aportación destaca a dotación de alumeado público no lugar de Nogarido, na parroquia de Chavín; a instalación eléctrica no recinto do Colexio Plurilingüe de Galdo e o acondicionamento do campo da Urraca. Así mesmo, realizaranse melloras no lugar de Xunqueira; e a renovación da Avenida de Cervantes coa colocación de novo adoquín e zona arborada que ofrecerá unha nova imaxe da súa contorna.
Aprobado tamén un acordo co Concello de Burela a través do que a Deputación financiará con 115.000€ a renovación dunha parte do parque infantil de Rosalía de Castro. O proxecto, que ten un orzamento total de preto de 146.000€, dos cales 31.000€ asúmeos o propio Concello, renovará por completo a zona de xogos xunto á rúa Pardo Bazán, substituíndo o chan e mobiliario existente, e incorporando novos xogos.
A institución provincial aprobou investir 184.000€ en Ribadeo para a adecuación e humanización do aparcadoiro da rúa Pipelo. A maiores, aportará ó Concello preto de 50.000€ para a adquisición e instalación de persianas motorizadas na Praza de Abastos ribadense.
Así mesmo, a Xunta de Goberno acordou destinar máis de 22.000€ ó Concello de Sarria para colaborar na adquisición e instalación dun vídeomarcador no pavillón José Mario González, e preto de 5.000€ para apoiar a organización das Xornadas Xurídicas de Sarria.
Por outra banda, a Deputación apoiará á Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel cunha aportación de 40.000€ para desenvolver a actividade 2023, un ano no Courel, dirixida á promoción da riqueza etnográfica e ecolóxica da Serra courelá.
Dixitalización do BOP
Finalmente, a Xunta de Goberno deu o visto bo á contratación dos traballos de dixitalización do Boletín Oficial da Provincia de Lugo entre os anos 1984 e 2003 por un importe de 26.500€. Estas tarefas levan consigo a dixitalización dun total de 73.000 páxinas do BOP, e terán unha duración de 5 meses dende a sinatura do contrato.