Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba 2,1M€ para a dotación e mellora de servizos e infraestruturas, e o apoio ao sector primario

A Xunta de Goberno acordou investimentos en colaboración cos concellos e co tecido asociativo da provincia para sacar adiante as actuacións

Lugo, 26 de maio de 2023. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres investimentos por un importe que supera os 2,1M€ para a dotación e mellora de servizos públicos e infraestruturas dos veciños e veciñas da provincia, así como o apoio ao sector primario, a través da colaboración cos concellos e co tecido asociativo. Así o anunciou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Executivo provincial.

Por unha banda, saíu adiante a licitación das obras para a instalación do alumeado e a renovación das redes de abastecemento e saneamento da estrada provincial LU-P-4401 ao seu paso polo centro urbano da Pastoriza. Estes traballos contan cun investimento provincial de preto de 340.000€. “Unhas actuacións que complementan a remodelación integral da rúa, coa dotación de novas beirarrúas, a rehabilitación do firme e a instalación de nova sinalización, un proxecto ó que esta institución destina preto de 350.000€”, explicou Rivera Capón.

A Deputación destinará ao Concello de Meira practicamente 134.000€ para a construción da cuberta da pista de pádel da localidade e 115.000€ ao Concello de Ribeira de Piquín para acometer as obras de humanización e mellora do espazo público contiguo ó Centro de Día e á escola vella en Chao de Pousadoiro.

Gracias á cooperación económica da institución provincial por preto de 100.000€, o Concello de Pedrafita do Cebreiro poderá mellorar a rede de abastecemento en San Pedro de Riocereixa; e a seguridade viaria dos accesos ó mercado municipal; ademais de adquirir unha parcela urbana na Avenida de Castela e un equipamento para bombeo de auga en Liñares.

Rivera Capón informou así mesmo da aprobación dun acordo co Concello de Trabada a través do que a Deputación aporta 115.000€ para a construción dun campo de bolos tradicional no complexo deportivo do municipio, actuacións de mellora neste mesmo espazo deportivo e a renovación dos servizos da rúa Joaquín Velasco.

Negueira de Muñiz recibirá practicamente 90.400€ de fondos provinciais para mellorar a vía municipal de Carballín a Bustelo.

Por outra banda, a Deputación destinará a Ribas de Sil un investimento de 115.000€ para a adquisición dun edificio na Praza do Ladrillo en San Clodio, a construción dun equipamento municipal para os vehículos do servizo de Medio Ambiente e a pavimentación de vías no núcleo de Nogueira.

O Concello de Ribadeo dispoñerá de 215.000€ para acometer a renovación do pavimento e a dotación de servizos na rúa Manuela Barreiro Pico, afirmou o Deputado, quen tamén explicou que o Concello do Valadouro contará cun investimento de case 100.000€ para acondicionar un aparcamento de autocaravanas, mellorar un camiño en Esteleiro, a pavimentación de accesos a Cabezán e a implementación da Rede LoRa, unha tecnoloxía para mellorar a conectividade no municipio.

Impulso da cultura
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno deu luz verde á achega de 15.000€ para a organización do evento Música Tradicional no Val e, tamén no Valadouro, a mesma cantidade, 15.000€, para a celebración da actividade Febreiro’23: Mes Gandeiro no Valadouro.

Así mesmo, a Deputación colaborará con 40.000€ na celebración do Esmorga Fest e con 15.000€ para o Festival Vrao, no concello de Foz. Tamén relacionado coa cultura, o Concello de Muras recibirá 31.700€ da Deputación para a celebración da sétima Romaxe Artesá da Chaira, que terá lugar esta fin de semana, e a Homenaxe a Antía Cal.

Políticas sociais e sector primario
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno aprobou colaborar coa Asociación Hijas del Divino Celo Rogacionistas, de Burela, cunha achega de 25.000€ para “acometer o acondicionamento, reforma e equipamento dunhas vivendas para dotar á localidade e ao conxunto da Mariña dun espazo para emerxencia social, co fin de apoiar a colectivos en risco de exclusión social ou de especial vulnerabilidade, como mulleres maltratadas ou mozos e mozas necesitados dunha vivenda transitoria”, explicou Pablo Rivera.

No marco do apoio ao sector primario, a Xunta de Goberno aprobou colaboracións económicas con catro entidades que traballan neste eido. Así, a Sociedade Cooperativa A Carqueixa recibirá 16.000€ para sufragar os gastos da actividade Da granxa ao comedor. A Asociación de Criadores e Criadoras de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA) contará cun apoio de 22.000€; a Federación Rural Galega (FRUGA), con 39.500€ para un programa de actividades divulgativas, promocionais e de valorización dos Viños da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia; e a Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta, 18.500€ para sufragar os gastos derivados do programa para implementar a garantía de orixe dos produtos de Porco Celta.

Dinamización dos hortos urbanos do Rato
A Xunta de Goberno aprobou este venres a licitación do servizo de dinamización, posta en valor e mantemento dos hortos urbanos do río Rato por un orzamento de case 282.000€ e unha duración de 24 meses, con posibilidade de dúas prórrogas anuais. “Este servizo, que está en funcionamento, dá atención aos usuarios e usuarias dos hortos, e asesora en temas relacionados coa horticultura ecolóxica e sobre calquera outro aspecto relacionado cos terreos, a xestión dos recursos, materiais e maquinaria existente. Ademais, responsabilízase da xestión e organización do día a día deste espazo”, sinalou o Deputado.

Por outra banda, a Xunta de Goberno deu luz verde á licitación de dous contratos destinados ao subministro de material para o persoal da Deputación de Lugo. Por un lado, o subministro de equipos e material de oficina ergonómicos cun orzamento de 55.000€ e, por outro, o subministro de equipos de protección individual, roupa de traballo e uniformes, por importe de 270.000€.

Exit mobile version