Foz, a 23 de maio de 2023. A CIG-Correos denuncia o colapso das unidades de reparto de Foz e Monterroso (que abarca tamén os Concellos de Palas e Antas) debido á acumulación de correo e propaganda electoral sen repartir.
Estas dúas oficinas xa arrastraban problemas de acumulación de envíos “debido á política de contratación cero que aplicada polo novo xefe de sector da provincia”, explica o secretario da CIG-Correos, John Vivanco. Esta falta de contratación, advirte, non só repercute de xeito negativo na calidade do servizo senón tamén na saúde dos/as traballadores/as. Pon como exemplo a situación da oficina de Foz na que o 80% do cadro de persoal está de baixa.
“Agora estase a contratar persoal a toda présa para tentar resolver un problema grave: está en perigo o reparto da propaganda electoral en prazo e cos niveis adecuados de calidade”, apunta Vivanco. A CIG xa advertiu á empresa que non vai permitir que se presione os traballadores/as destas dúas oficinas para que se traballe fóra da xornada laboral. “Correos debe contratar persoal suficiente e tomar as medidas correctoras para que estes feitos non se repitan”, conclúe.