O aspirante á alcaldía, José Hermida Corbelle, defendeu na presentación da lista a apertura de novos accesos forestais e a mellora dos actuais
Ourol, 8 de maio de 2023. O PP presenta en Ourol para as eleccións locais que se celebrarán o próximo día 28 unha candidatura integrada por xente traballadora, honesta, que coñece perfectamente o territorio e as necesidades dos seus veciños. Así a define o candidato á alcaldía, José Hermida Corbelle, que, na presentación da lista, fixo un avance dos grandes obxectivos que se marca o PP para este concello. A presentación da lista asistiron, entre outros, Miguel Corgos (conselleiro de Facenda), Jaime de Olano (deputado nacional) e membros da directiva provincial do PP, entre eles o coordinador xeral, José Manuel Balseiro (deputado autonómico).
José Hermida lembrou que foron os populares os que tomaron as decisións que transformaron o concello e asegurou que o goberno municipal saínte “non ten obra nova que expoñer”.
En materia de servizos sociais, ademais de manter e mellorar o Servizo de Axuda no Fogar, destacou a necesidade de crear o de comida a domicilio para as persoas que o necesiten. Indicou que haberá que xestionar a construción e posta en servizo do centro de día e da residencia da terceira idade.
No campo da promoción do emprego, resaltou a necesidade de adaptar o polígono industrial, xa que no estado de abandono no que se atopa non resulta atractivo para as empresas. No caso de que chegue á alcaldía, anunciou que o concello terá unha ou dúas persoas para informar sobre as subvencións dispoñibles e para que acompañen aos veciños á hora de efectuar os trámites.
Co obxectivo de que a xuventude non marche do concello e que haxa mozos e mozas que opten por vivir en Ourol, en síntese, co obxectivo de fixar poboación, o candidato popular inclúe na súa folla de ruta a creación de solo para construción de vivenda a prezo asumible. Igualmente, quere rehabilitar as vivendas do antigo colexio para dedicalas a aluguer social.
Hermida ten claro que o sector forestal é a gran fortaleza económica de Ourol. Avisou do problema estrutural que supón o pequeno tamaño de moitas fincas, difíciles de localizar e con accesos deficientes. Propón xeolocalizar as fincas, abrir novos accesos e mellorar os actuais. Defende a aplicación do chamado “modelo Friol” para o intercambio de finas entre propietarios, coa mediación da Xunta, no que constitúe un proceso máis rápido que a concentración parcelaria.
Noutra orde de cousas, o candidato popular á alcaldía é partidario de efectuar un estudo rigoroso das posibilidades de como rendibilizar as moitas posibilidades que ofrece o concello para atraer visitantes. Apunta a posibilidade de rehabilitar algún muíño e crear un pequeno museo das ferramentas utilizadas nos traballos cotiáns no medio rural.
Pola súa parte, dende a dirección provincial do PP sinálase que o de Ourol é un concello sumamente rural e que os gobernos do PP na Xunta de Galicia foron os que máis fixeron polo rural, por exemplo, con impostos cero, a creación de casas-niño e de casas do maior. Ese concello –destacan- beneficiouse dunha decisión desas: unha casa-niño, que foi o único servizo que gañou este Concello nos últimos oito anos.
Dende a dirección popular resáltase que “neste concello todos as grandes obras teñen a etiqueta do PP, ben da Xunta de Galicia, dos distintos gobernos populares en Galicia, ben de gobernos do PP en Ourol; nós aspiramos a que a xente nos volva dar a confianza para gobernar este concello, para seguir traballando por Ourol”.
Cremos –din na dirección provincial do PP- que hai outra forma de facer política “e iso é no que imos traballar nestas eleccións, para recuperar esa confianza e, se é posible, recuperar o goberno deste concello para o PP”.
A LISTA, NOME A NOME
1. José Hermida Corbelle
2. Miguel López Piñón
3. Carlos Ríos López
4. Eduardo Lamelas Cao
5. Tamara Cobas Rubal
6. José Manuel Lamelas Vázquez
7. Enrique López Losada
Suplentes
1. Francisco Esmorís sotelo
2. Enrique Martínez Ocampo