Usuarios e usuarias de oito entidades participan na iniciativa da Deputación, grazas á que visitarán o patrimonio natural e cultural de municipios como Bóveda, Monforte, Barreiros ou Viveiro
Este martes a xornada estivo protagonizada por dúas entidades da Pastoriza. Por unha banda, a Asociación Medioambiental e Sociocultural de Veciños de Bretoña visitaron o Pazo de San Marcos e, posteriormente, puxeron rumbo a Bóveda e á Pobra do Brollón. Por outra banda, a Asociación Cultural e Veciñal de San Martín de Corbelle visitou en Lugo o Centro de Interpretación Terras do Miño e continuou a viaxe a Pantón e Carballedo, onde coñeceron o patrimonio románico da localidade.
Mañá mércores será a quenda de dous colectivos de Chantada, que visitarán A Mariña. A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer coñecerá o Mazo de Santa Comba e a ANPA do IES Val do Asma Nicanor Rielo achegarase ao traballo da Produtora de Audiovisuais da institución provincial. Ambas asociacións percorrerán seguidamente o paseo marítimo de Barreiros, e as praias das Catedrais e Rinlo, en Ribadeo. A viaxe rematará cunha visita ao centro histórico da vila ribadense.
Tamén A Mariña será o destino na xornada do xoves. Por unha banda, a Asociación de Mulleres Rurais Alfinete, de Lugo, visitarán o Mazo de Santa Comba e logo achegaranse a Xove e Viveiro. Por outra banda, a Asociación de Veciños Torre de Arcos, de Chantada, farán a primeira parada no Centro de Interpretación Terras do Miño e para poñer despois rumbo a Burela e Foz.
O venres, a Asociación de Pais e Nais de Alumnos do IES Enrique Muruais, da Pontenova estará no Pazo de San Marcos antes de desprazarse a Sober e Monforte. A última entidade beneficiaria desta semana é a Asociación de Veciñas e Veciños de San Cosme de Piñeiro, da Pastoriza, que visitarán o Mazo de Santa Comba e o patrimonio de Sober.