Co apoio do Concello de Viveiro e da Asociación Cultural Branque, o Grupo Xuvenil pon en marcha esta iniciativa con motivo do Día Internacional de Deporte polo Desenvolvemento e a Paz, que se conmemorou este mes.
“O obxectivo é por en valor a importancia da Saúde Mental entre as máis novas e novos”, explica a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
A recadación das doazóns, a partir de tres euros, estarán destinadas precisamente a axudar no labor da Asociación Saúde Mental A Mariña que este mes cumpre o aniversario da súa chegada a Viveiro.
A I Andaina Solidaria comezará ás 11:30 horas cunha ruta que con inicio e chegada na Praza Maior de Viveiro e transcorrerá polo Paseo da Variante, o Paseo Fluvial do Río Landro e o Monasterio da Nosa Señora de Valdeflores.
No percorrido haberá instalados códigos QR elaborados polas rapazas e rapaces do Grupo de Participación Xuvenil nos que haberá información sobre a importancia da atención e dos coidados á Saúde Mental.
Na Andaina participará o alumnado dos Centros Educativos da contorna.