O edil ribadense explicou que “hoxe damos comezo a unha campaña na que levamos tempo traballando con Ecoembes. Chámase Únete ao reto e o Concello de Ribadeo adheriuse a esta campaña na que estamos 11 concellos de todo o país. Ten unha causa social porque se subimos un 10 por cento na recollida de residuos do envase amarelo durante tres meses recibiremos unha bonificación económica que vai ir para unha entidade sen ánimo de lucro; neste caso vai ser unha colaboración coa delegación da Asociación Española de Loita contra o Cancro en Ribadeo”.
Díaz Freije dixo: “esperamos contar con todo o apoio posible porque tanto Acisa como a Asociación Española de Loita contra o Cancro están a colaborar. Esperamos que os hostaleiros, as tendas e os veciños e veciñas se comprometan”. E subliñou: “é unha campaña máis de concienciación cidadá para a recollida e reciclado do envase amarelo (bricks, latas, plásticos de uso doméstico e tamén de uso estendido en comercios e establecementos hostaleiros). Quixemos darlle visibilidade cun contedor amarelo, que está colocado no parque de San Francisco, e ademais no balcón do Concello de Ribadeo, que é de todos, puxemos unhas imaxes da campaña Únete ao reto, que comeza hoxe en Ribadeo”.
O concelleiro de Medio Ambiente engadiu: “pedimos a colaboración de todos os establecementos e de todos os veciños e veciñas para que sigan reciclando no contedor amarelo. Que sexan cada día máis responsables polo medio ambiente e pola biodiversidade da natureza”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, manifestou: “desde Acisa queremos pedirlles ás nosas asociadas e asociados que se unan ao reto, que reciclen cada vez máis e mellor. Neste caso esta campaña pretende fomentar a reciclaxe de envases de plástico, latas e bricks nos contedores amarelos. Si, entre todas e todos, logramos incrementar nun 10% a cifra do ano pasado o Concello recibirá 1.500 euros, cantidade que se destinará á Asociación Española de Loita contra o Cancro de Ribadeo”.
Cruzado Iglesias fixo unha chamada á conciencia social: “é necesario que nos concienciemos da importancia da reciclaxe no noso día a día, de deixar os restos e o lixo que xeramos nos contedores habilitados para este fin. Todo o que fagamos ben será bo para o coidado do medio ambiente e iso terá repercusións positivas no entorno natural no que nos movemos e tamén na nosa saúde. Cun pequeniño xesto podemos lograr grandes resultados”. E tivo palabras de agradecemento: “desde Acisa agradecemos ao concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, que contase coa nosa asociación para así unirnos ao reto”.