A Coruña, xoves 27 de abril de 2023. A Real Academia Galega premiará os proxectos escolares realizados arredor da figura de Francisco Fernández del Riego, o autor ao que a institución lle dedica o vindeiro 17 de maio, no marco da sétima edición de Contádenos o voso Día das Letras. O concurso está aberto ata o vindeiro 7 de xullo á participación dos centros de ensino que impartan infantil e primaria e do alumnado con necesidades especiais de apoio educativo. As bases poden consultarse en primaveradasletras.gal, a páxina web da RAG dirixida ao público máis novo na que se encadra esta iniciativa.
Primavera das Letras ofrece dende 2016, co apoio da Deputación da Coruña, unha fiestra dixital dende a que o profesorado e as familias poden acceder a recursos lúdicos e didácticos para achegar a rapazada á figura que cada ano protagoniza o Día das Letras Galegas. Nesta ocasión a escritora de Sanxenxo Eva Mejuto foi a encargada de escribir a biografía infantil As cousas de don Paco, unha divertida obra teatral, para ler ou para representar dentro e fóra das aulas, na que o lapis, a cámara de fotos, a máquina de escribir, o reloxo e a lupa de Del Riego van rememorando a súa vida. A historia, ilustrada por Lucía Cobo, pode descargarse en primaveradasletras.gal xunto a fichas para colorear e outros materiais deseñados tamén pola artista coruñesa. A oferta complétase con actividades interactivas arredor do universo vital de don Paco.
Primavera das Letras enriqueceuse en 2022 cunha nova sección, Lingua Guapa, concibida para facilitar recursos didácticos arredor da lingua e da cultura galegas alén do 17 de maio. Nela pode verse A orixe da nosa lingua guapa, unha curtametraxe que explica aos nenos e nenas como se formou ao longo dos séculos o galego. O filme baséase nunha idea orixinal de Fina Casalderrey. A escritora, a académica responsable do proxecto da RAG para o público infantil, é candidata ao vindeiro Premio Hans Christian Andersen, considerado o Nobel da literatura infantil e xuvenil.