O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, contou que “presentamos hoxe a imaxe da nova edición do Ribadeo Indiano, na que levamos traballando dende hai tempo coa intención de seguir espallando polo mundo adiante esta fabulosa cita, que se ten convertido nunha das referencias fundamentais do verán en Galicia e no resto do estado. Xa vamos pola oitava edición, que se desenvolverá do 7 ao 9 de xullo, e como é habitual as antevésperas e as vésperas arrincarán antes con propostas moi interesantes”.
A edil de Cultura, Pilar Otero, explicou que “a oitava edición do Ribadeo Indiano virá cargada de novidades. Esta festa histórica, que rende homenaxe ás nosas familias emigrantes, supérase ano a ano tanto no referente á cantidade de persoas que se achegan á nosa vila para gozar desta cita, como tamén nas actividades organizadas. Cada edición vai a máis e nesta agardamos sorprender á nosa veciñanza e aos visitantes”.
Desde Acisa, a súa presidenta, Carmen Cruzado, dixo que “estamos a falar da fin de semana máis importante do ano para a hostalería e para o comercio e duns días moi fortes para os aloxamentos, sobre todo de Ribadeo, pero tamén doutros concellos tanto de Galicia como da veciña Asturias. O que se pretende desde a organización é que durante as fins de semana de xuño se respire xa ese ambiente e que a xente de Ribadeo e de fora de aquí se vaia impregnando da cultura indiana”.
Vizoso Galdo manifestou: “Acisa e Concello traballamos intensamente para pechar canto antes o programa do Ribadeo Indiano 2023. Agardamos poder adiantar xa algunhas das propostas en breve”.
E Otero Cabarcos engadiu: “toda a información que vaia xurdindo estará a disposición da veciñanza na páxina web do Ribadeo Indiano e nas diferentes redes sociais deste evento e do noso Concello”.
No acto de presentación do cartel do VIII Ribadeo Indiano participaron os concelleiros de Turismo e Cultura, Pablo Vizoso e Pilar Otero, así como a presidenta, o secretario e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado, Felipe Fernández e Jesús Pérez.