As novas deixaron xa hai algún tempo de falar de xeito regular de pandemia. Por suposto, o virus segue a circular polo mundo adiante, aínda que en versións menos perigosas e en menor cantidade, contando xa dende hai tempo cunhas vacinas feitas ás présas pero que serviron, aínda que dos efectos secundarios pouco transcendera.
Así pois, o mundo leva volvendo á normalidade un tempo que se mide xa por ciclos anuais.
O certo é que hai moita xente que dubidamos da volta á normalidade. Non porque non se vexa un abandono das excepcionalidades tomadas ou forzadas pola pandemia, senón porque a normalidade anterior non estaba definida. Non o estaba no sentido de que cada quen -persoas e sociedades- tiña a súa. En xeral, seguro que pouco tiña que ver a que consideraras ti, que estás a ler, da dunha neoiorquina no Bronx ou dun saharauí nun campo no deserto alxeriano. E, se consideras que ambos están moi lonxe para unha comparación, mira a ‘normalidade’ dalgún dos teus veciños e veciñas e de seguro que ves diferencias evidentes xunto coas semellanzas esperadas.
Pero a consideración anterior é só un aspecto a considerar nesa volta ó normal. En plena pandemia, houbo quen dixo que íamos saír mellores. Pero non vimos que as guerras remataran, nin que o matonismo dos países ou na nosa sociedade desaparecera, que a discriminación por diversas causas se evaporara ou que a corrupción sexa auga pasada.
Por suposto que hobo cambios: os aplausos ó persoal médico desapareceron para deixar paso ó aumento de queixas dos servizos de saúde, cada vez máis escasos de persoal e cartos. Agora ben, pódese dicir que cambiamos, ou que a normalidade xa non é a mesma?
Hai uns días tomei unha foto á mañanciña sobre a fermosa ría de Ribadeo. Pódense contar nela as estelas de ao menos 13 avións. En pandemia, o cómputo era abondo máis doado. Non era necesario saber contar. Ou sexa, pasou a pandemia, e retornaron algunhas cousas de antes, da ‘normalidade’ anterior, fora o que fora. E, ó tempo, o mundo mudou. Os que temos certa idade temos visto moitos cambios, á vez que sentimos a sensación de que os novos cambios cada vez sucédense con máis rapidez, algo contrastado e estudado nalgúns aspectos, como a evolución empresarial. Ou sexa, despois de tres anos dende o inicio da pandemia, era lóxico percibir cambios. Pero máis aínda se hai que retornar dende as normativas impostas ou adoptadas por propia vontade e interiorizadas nos períodos de illamento, ofrecendo un contraste e perspectivas novas, que non había antes, ó tempo que hábitos que tampouco había. E así, é ‘normal’ que a ‘nova normalidade’ se pareza a antiga, pero ó tempo, que teña as súas peculiaridades. É dicir, que sexa ‘outra’ normalidade. E aínda máis, se temos en conta que o tempo de pandemia serviu tamén de catalizador para interiorizar e comezar a ver de xeito diferente fenómenos como o cambio climático e os seus derivados -de seca a vagas frías extemporáneas- ou a falta de recursos naturais, a contaminación, a perda de biodiversidade, aínda que coste moito máis traballo decatarse dunha das principais variables, da imbecilidade humana, con mostras incontables como as que provocaron eses fenómenos ou impiden mesmo a posibilidade de arranxo.
Todo normal. Iso si, normalidade nova, como ven sendo normal.