Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón augura un resultado histórico o 28M porque o BNG representa o empuxe e o optimismo que Galiza necesita

Crítica que os que agora veñen de xira electoral son os mesmos que queren converter este País nunha colonia enerxética de Madrid

Santiago de Compostela, 29 de Abril 2023. A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou no encontro inteparlamentar con candidatos e candidatas en Santiago que o BNG vai ter un resultado “histórico” na cita electoral municipal porque, tras meses percorrendo concellos ao longo e ancho do País, percibe que a corrente de apoio ao Bloque non fai máis que medrar.

“Son días de moita intensidade, traballo e ilusión, a mesma ilusión que o BNG esperta cada vez en máis galegos e galegas que ven en nós a alternativa para derrotar ao PP na Xunta e construír unha Galiza forte, e imos facelo concello a concello, vila a vila, cidade a cidade, porque hoxe o BNG representa o entusiasmo, a vitalidade, o empuxe e o optimismo que tanto necesita Galiza e a xente deste País. Imos ter un resultado histórico”, proclamou Pontón.

A líder do Bloque bota man do aval que supoñen os concellos gobernados polo Bloque en base a un modelo municipal de éxito, “que funciona e que se ten convertido nun referente dentro e fora de Galiza porque pensamos os nosos concellos en grande”, recalcou, modelo que sintetizou en catro claves: confianza no País, proxecto de vangarda, eficacia na xestión e democracia participativa da cidadanía.

“Os nosos gobernos municipais son un éxito porque teñen amor e confianza no País, a firme convicción de que se pode vivir mellor en todos e cada un dos concellos e transforman en positivo superando todas as barreiras e todos os obstáculos, sobre todo a barreira do pesimismo, a barreira do marco mental da resignación que predican esas forzas estatais que non confían en Galiza e que sempre miran para Madrid”, destacou Pontón.

As mesmas forzas, PP e PSOE, cuxos xefes de filas chegan agora “de xira electoral, a facer mitins, que é basicamente cando se acordan deste País”, criticou, pero que se alternan na discriminación a Galiza. “Son os mesmos que queren converter Galiza nunha colonia enerxética de Madrid a través do espolio eólico do noso monte e do noso mar; os que nos discriminan na chegada do AVE, os mesmos partidos que boicotean unha AP9 galega e libre de peaxes, os mesmos que discriminan aos concellos galegos no financiamento por habitante e os que nos deixan fora dos fondos de recuperación económica”, denunciou.

En contraposición, o BNG “confía no enorme potencial deste País e da súa xente, nas nosas propias forzas e esa confianza é unha das claves do éxito do modelo noso municipal”, destacou. A segunda clave do modelo municipal do Bloque é ter un proxecto de vangarda que aplica aos grandes retos que hai sobre a mesa, como o cambio climático, a transición enerxética, a mobilidade sustentable a defensa de servizos públicos de calidade, a importancia de ciencia e do coñecemento.

Da decadencia a ser referentes
“Cantos concellos que estaban en decadencia pasaron a ser un referente da man dun goberno do BNG? Os concellos que gobernamos iniciaron un camiño de futuro, de ilusión, de avance e nese avance sumamos cada vez a máis amplas capas da sociedade, da veciñanza”, recalcou.

A terceira clave do éxito é a eficacia na xestión dos gobernos municipais “que xestionan con transparencia e con eficacia cada euro, transformando en positivo e mellorando a vida das persoas, conseguindo concellos que funcionan, con dinamismo no económico, no social e no cultural”. E como cuarta clave, a democracia participativa, con alcaldes e alcaldesas liderando corporacións que fomentan a participación da veciñanza nos asuntos públicos, “son profundamente democráticos, onde todas as persoas son tratadas por igual”.

“Estas catro claves: confianza no País; proxecto de vangarda, eficacia na xestión e democracia son as bases do modelo municipal de éxito do BNG, un modelo propio e xenuíno que queremos estender por toda Galiza”, subliñou a líder nacionalista.

Gran salto adiante
Pontón tamén puxo en valor o capital humano cun recoñecemento expreso aos 4.500 homes e mulleres que compoñen as 265 listas presentadas, unha cifra record que lle vai permitir ao 98% dos galegos e das galegas ter unha candidatura do BNG na próxima cita coas urnas.

“Levo meses percorrendo Galiza en actos de presentacións de candidaturas e cada día que pasa, cada día que nos achega ao 28 de maio noto máis enerxía, más forza e mais ilusión co BNG, por iso estou convencida de que imos dar un grande salto adiante, multiplicando a representación, ampliando os gobernos, consolidando as bases dunha nova Galiza, porque estamos no mellor momento da nosa historia. Así que a por todas nesta campaña, sen poñernos límites e a gañar un futuro mellor para este País, concello a concello”, concluíu.

Exit mobile version