“Non se pode gobernar un Concello enganado e mentindo á poboación. A veciñanza de Abadín debe ter dereito a un ben universal, ter dereito á auga no seu domicilio, e non ter que pagar multas e sancións porque o Alcalde non sabe xestionar o Concello”, dixo Pablo Díaz
Así o denunciou o Voceiro Socialista na localidade, Pablo Díaz, trala celebración da última sesión plenaria, na que o Secretario municipal informou dunha nova multa ao Concello de 60.000 euros “por conducta reiterativa infractora, debido ás numerosas sancións que se lle aplicaron anteriormente e ás que o Concello fixo caso omiso”.
Os socialistas lembran que rexistraron diversas iniciativas no Pleno solicitando “o arranxo desta dotación prioritaria e imprescindible para toda a veciñanza, e así non seguir pagando multas, pero sempre nos atopamos coa negativa por resposta. Estas son as solucións do PP de Abadín, nin fan, nin se preocupan, nin deixan facer. A depuradora ten que funcionar con tódalas garantías, e pola saúde de toda a veciñanza”, incidiu Pablo Díaz.
No ano 2020, o Concello de Abadín xa pagou máis de 7.000 euros de multa polos vertidos do río debido ao mal funcionamento das depuradoras e as fosas sépticas en Abadín ou en Espiñarcao.
“As explicacións do Alcalde diante desta nova infracción é alegar: “eu non sei nada”. Pois senón sabe nada o mellor é que se vaia para a casa, porque para gobernar un Concello hai que ter ganas de traballar e afrontar os problemas dende a responsabilidade e a humildade. Cualidades das que o Alcalde de Abadín carece, como podemos comprobar”, advirte Pablo Díaz.