Barreiros, 5 Abril de 2023. Os Bombeiros rescatan a un home que caeu desde a ponte da autovía en Barreiros. A continuación, foi trasladado ao Hospital Universitario Lucus Augusti a bordo dunha ambulancia.
Ás 23:15 horas do martes, a Garda Civil de Tráfico recibiu un aviso por parte dos operarios de conservación da A-8 debido a que atoparan un turismo detido na marxe da vía no quilómetro 528, á altura de Barreiros e en sentido Asturias. Deste xeito, unha patrulla desprazouse ata o lugar e comprobou que unha persoa caera desde o alto da ponte. Permanecía consciente, pero precisaba asistencia sanitaria urxente.
Ao atoparse nunha situación de difícil acceso, o 112 Galicia solicitou a colaboración neste operativo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros e dos voluntarios de Protección Civil de Barreiros e dos axentes da Garda Civil.
Cando chegaron, os Bombeiros procederon a rescatar á persoa e a trasladaron en padiola ata a ambulancia, na que foi finalmente evacuada ao complexo hospitalario lucense.