O produto estrela da lonxa de Burela foi dobremente protagonista esta semana durante o “Salón Gourmets” en Madrid
O stand da Consellería do Mar da Xunta de Galicia acolleu un acto que estivo presentado polo xerente de OPP-7 Burela, Sergio López, e contou coa colaboración da chef Vitoria Masseda (Masseda Cátering de Orixe, Madrid), que preparou as receitas “Empanada de Merluza de Burela con grelos” e “Cabaciña rechea de Merluza de Burela gratinada con queixo de San Simón”; e contou coa maridaxe dos Viños D.Ou. Ribeiro.
Como cada ano, entre os asistentes á degustación atopábanse representantes de diferentes blogues e medios de comunicación, maioristas e directivos de mercados centrais, provedores e responsables de cadeas de distribución, sumillers…
Esta presentación únese ao showcooking “Re-Enamorate do Peixe” organizado por “Pesca España” o pasado luns no stand de “AlimentosdEspaña” a cargo do chef Miguel Fernández, demostrando unha vez máis que España é “O País Máis Rico Do Mundo”.
Estas accións inclúense no Plan de Produción e Comercialización anual de OPP-7 Burela, e contan co cofinanciamento da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca.