En total son nove as xornadas con temáticas variadas pero un mesmo fío condutor. Deste xeito fanse complementarias.
As actividades teñen carácter gratuíto pero é preciso a reserva previa no correo electrónico: viveirovisitas@gmail.com onde tamén se pode consultar calquera información adicional como a distancia e a dificultade dos itinerarios.
“Animo a todos os veciños e veciñas a inscribirse e a participar. Trátase dunha forma moi didáctica de descubrir o noso patrimonio natural e cultural, un Viveiro que estamos acostumados a ver pero do que sempre podemos aprender curiosidades”, asegura María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
A axenda completa inclúe nove rutas que o primeiro fin de semana percorrerán a Ruta dos Muíños de Balea (sábado día 6 con saída da estación de autobuses ás 16:30 h.) e o domingo o Paseo fluvial do Río Landro (Saída da estación de autobuses ás 11:00 h.).
O sábado 13 o Paseo será polo Galdo (Saída de Portochao ás 16:30 h.) e o día seguinte pola Praia de Covas (Saída da estación de autobuses ás 11:00 h.), mentres que o mércores 17, Día das Letras Galegas, percorrerá o Casco Histórico (Saída da estación de autobuses ás 11:00 h.).
Pola súa banda, o día 20 os inscritos achegaranse ata o Porto de Celeiro (Saída da estación de autobuses ás 16:30 h.) e o 21 ata Trasviveiro (Saída do cemiterio de Landrove ás 11:00 h.).
Na derradeira fin de semana de actividade, a ruta será por Souto da Retorta (día 27 con saída do aparcadoiro en Chavín ás 16:30 h.) e polo Via Crucis do Monte Castelo (día 28 con saída do polígono de Landrove ás 11:00 h).