O proxecto contempla a preparación dun terreo de case 35.000m2, distribuído en 15 parcelas, máis de 250 prazas de aparcamento e zonas verdes, e contará cunha barreira vexetal na súa zona exterior fronte ao Camiño de Santiago, cumprindo o determinado por Patrimonio
Lugo, 21 de abril de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde da Fonsagrada, Carlos López, asinaron este venres na Casa Consistorial deste municipio da Montaña un acordo entre ambas administracións a través do que a institución provincial aporta practicamente 2,5M€ para crear o polígono industrial. En concreto, a Deputación destina a esta nova dotación un total de 2.431.786,5€, o que supón o 90% do orzamento necesario para a súa construción, e o Concello achegará outros 270.198,5€.
O parque empresarial da Fonsagrada estará situado na rúa Burón, na parroquia do Padrón. En concreto, o polígono industrial construirase na confluencia da estrada que conecta Lugo e A Fonsagrada, a LU-530, coa provincial que vai deste municipio da Montaña a Navia de Suarna, a LU-P-1901, onde está prevista tamén a creación dunha glorieta que dea acceso a esta nova infraestrutura para a comarca da Montaña.
As obras de urbanización deste espazo consistirán na adecuación dun terreo de 34.421 m2, que quedará distribuído nun total de 15 parcelas, máis de 250 prazas de aparcamento, e vías e beirarrúas dun ancho de 1,8 metros.
O proxecto inclúe a construción dunha vía principal, as de servizo e unha rotonda final para a circulación dos vehículos; o acondicionamento das parcelas para uso industrial e zonas verdes; construción de zonas para o aparcamento e instalacións auxiliares; instalacións de abastecemento, rego e protección contra lumes; saneamento de augas residuais e pluviais; instalación eléctrica de baixa e media tensión e os centros de transformación e alumeado público; instalación de telecomunicacións incluíndo a conexión con rede telefónica; o desvío da instalación de abastecemento xeral; e a conexión da instalación de saneamento de augas residuais coa EDAR e das augas pluviais co punto de vertido. Ademais, acondicionaranse as parcelas exteriores para a creación dunha barreira vexetal fronte ao Camiño de Santiago, cumprindo o determinado por Patrimonio, mediante árbores e arbustos de especies autóctonas.