Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP propón a humanización do eixo turístico de Foz

Castiñeira cre que “Foz non pode quedarse atrás e é moi importante focalizar neste eixo o futuro turístico da nosa localidade”

Foz, 10 de abril de 2023. Con frecuencia, na xestión municipal o que non é avance é retroceso. Por iso é fundamental que os gobernos locais teñan ideas claras do que queren facer. O PP xa demostrou nos anos nos que gobernou en Foz que sabe o que quere e que ten capacidade para levalo acabo. Agora, o portavoz popular e candidato do PP á alcaldía, constata que, “unha vez máis, a Semana Santa foi fundamental como fonte de ingresos para os sectores turístico, comercial e hostaleiro” e demostra “que é moi necesario mellorar certos aspectos tanto nos servizos como nas infraestruturas”. Lembra que cando gobernou o PP “así o entendemos e déronse solucións, como foron as melloras que se fixeron no porto, para ampliar as terrazas, para ampliar o paseo coa pasarela sobre o porto, e nas rúas comerciais, como na avenida da Mariña e en Álvaro Cunqueiro”.

Castiñeira sinala: “Hoxe cremos que o eixo fundamental sobre o que hai que actuar é o eixo entre a praza Conde de Fontao e A Rapadoira, incluíndo os barrios intermedios, como a Ribeira e o Campo da Cabana. Nese eixo o actual equipo de goberno non fixo practicamente nada. Nós deixamos un proxecto para modernizar a praza Conde de Fontao; hai que retomalo e ser ambiciosos, canalizar o tráfico rodado e as zonas peonís, entre A Rapadoira e o porto, que é unha zona con moitísima capacidade de mellora”.

Castiñeira confirma que esa será unha das propostas de goberno que fará o PP, “porque entendemos que Foz non pode quedarse atrás e é moi importante focalizar neste eixo o futuro turístico da nosa localidade”. Explica que “cada vez hai máis turistas e o turismo forma cada vez parte máis importante do PIB do noso concello e aí hai moitísimas oportunidades de negocio que o Concello debe liderar nos próximos catro anos”.

Exit mobile version