Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP presenta un “equipo multidisciplinar, capaz e preparado para gobernar e devolver Burela ao lugar que lle corresponde como punta de lanza da Mariña”

O acto de presentación da lista que lidera Manuel Rouco contou coa participación de Rosa Quintana, Javier Nodal e José Manuel Balseiro

Burela, 27 de abril de 2023. “O Partido Popular ten equipo de goberno para devolver a Burela ao lugar que lle corresponde como punta de lanza na comarca da Mariña”, segundo proclamou o candidato á alcaldía, Manuel Rouco, durante o acto de presentación da candidatura no que participaron a titular de Mar do Goberno galego, Rosa Quintana; o secretario xeral do PP lucense, Javier Vázquez Nodal; e o coordinador xeral e deputado autonómico mariñán, José Manuel Balseiro.

A candidatura do PP de Burela está conformada por 16 persoas que son un “equipo multidisciplinar, capaz e preparado que trata de ser representativo da nosa sociedade. A todos quero agradecerlles a súa implicación neste proxecto que quere transformar Burela para sacala das sombras nas que o sumiron sucesivos gobernos do PSOE”, indicou Rouco.

“Este equipo presenta un proxecto serio, sólido e responsable, que foi madurado en base á escoita e ao diálogo continuo coa veciñanza de Burela, algo que é primordial para calquera formación que aspire a gobernar unha vila coma nosa”, asegurou o alcaldable. Nesa liña, incidiu en que “queremos facer unha Burela entre todos”.

Segundo manifestou o candidato popular, “as tres liñas mestras do mesmo son o asentamento poboacional, o asentamento de empresas e a dinamización económica e social, que se apoiarán en varios puntos claves para o seu desenvolvemento”.

Dende a dirección provincial trasladaron o seu apoio á candidatura coa que “o Partido Popular aspira a volver a gobernar no Concello” porque “a Burela vaille ben co PP”. De feito, sinalaron que “os veciños poden constatar que as obras importantes para a vila teñen a etiqueta do PP”; mentres que “co goberno socialista nestes oito anos, Burela perdeu servizos”.

DEFENDENDO OS INTERESES DA PESCA

Rosa Quintana, pola súa banda, puxo en valor a importancia de Burela como un dos principais portos pesqueiros de Galicia e salientou o peso da actividade extractiva na economía local. Neste sentido, asegurou que a pesca ten futuro malia os importantes desafíos aos que se enfronta e que non hai mellor persoa para defender os seus intereses desde o Goberno local que Manuel Rouco.

A responsable da política pesqueira autonómica incidiu en que decisións como o veto á pesca de fondo decretado por Bruxelas teñen un grande impacto na frota de Burela, a máis importante de palangre de fondo de Galicia. Por iso, apelou á necesidade de traballar desde todas as institucións, comezando desde a local, para tratar de frear este despropósito de Bruxelas que pon en risco o principal pulmón económico do concello.

CANDIDATURA DO PP DE BURELA ÁS MUNICIPAIS 2023

1 Manuel Rouco López – Enxeñeiro
2 Encarnación Bernal Marín – Avogada
3 Félix Alberto Martins Gonҫalves – Empregado de ABSA, xogador e adestrador de fútbol base
4 María Teresa Lanza Méndez – Traballadora social
5 María Teresa García González – Auxiliar administrativa
6 Ángel González Villarquide – Hostaleiro
7 Ana María Álvarez Gómez – Supervisora de enfermaría
8 Susana Fernández López – Orientadora laboral
9 Jovana Oroza Castro – Enxeñeira
10 Maximino Otero González – Armador
11 Diego Rozas Regal – Auxiliar administrativo
12 Josefa Yáñez Cao – Xubilada
13 Alberto José Ramos Arda – Responsable do departamento de cirurxía no Hospital Comarcal da Mariña

Suplentes:

Belinda Romero Oroza – Auxiliar de clínica
Jenaro González Debasa – Encargado da empresa de limpeza no Hospital Comarcal da Mariña
Carlos Saa Fernández – Xubilado

Exit mobile version