Os deputados pedirán no Congreso estender a gratuidade un mandato, tal e como acordou por unanimidade o Parlamento de Galicia
Lugo, 14 de abril de 2023. Os deputados lucenses do Grupo Parlamentario Popular no Congreso, Jaime De Olano e Joaquín García Díez, esixirán ao Goberno de Pedro Sánchez “corrixir o agravio a Galicia” estendendo a gratuidade dos trens de ancho métrico despois de decembro do 2023 e aprobando “en tres meses un plan de actuación para mellorar a calidade do servizo ferroviario entre Ferrol e Ribadeo”; xa que “as obras que están en marcha non responden ao comprometido”.
A través dunha Proposición no de Ley para debater en Comisión, os populares trasladan á cámara baixa a petición para que o Goberno “estenda á nosa comunidade a aportación económica actual para a gratuidade dos trens de ancho métrico máis alá do 31 de decembro do 2023 e ata a entrega das unidades de trens pendentes no contrato en curso, como ten anunciado o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana para as cercanías ferroviarias en Asturias e Cantabria”. É máis, “ese prazo xa supón un mandato completo” atendendo ao acordado por unanimidade no Parlamento de Galicia -é dicir, cos votos a favor do Partido Popular, o PSOE e o BNG- e que agora o Partido Popular leva ao Congreso. A formación popular agarda que o resto das forzas políticas apoien a iniciativa e se suman “á defensa dos intereses de Galicia”.
O Ministerio anunciaba en febreiro, debido ao atraso na entrega dos novos trens debido a que “non collen polos túneles existentes”, que habilitaría partidas económicas para financiar a gratuidade no transporte público de Asturias e Cantabria. Tendo en conta que coa adxudicación da compra de novos trens, o Ministerio detallaba que, ademais de en Asturias e Cantabria, poderían utilizarse en Galicia e Castela e León; os populares piden “o mesmo trato para Galicia”.
MELLORAR O SERVIZO FERROVIARIO ENTRE FERROL E RIBADEO
O PP lucense esixe tamén dende o Congreso que o Goberno “aprobe en tres meses un Plan de actuación para mellorar a calidade do servizo ferroviario entre Ferrol e Ribadeo”; xa que “as obras que manteñen cortada a liña ferroviaria da Mariña neste momento non responden tampouco ao plan de acción anunciado pola ministra para mitigar as consecuencias do atraso na entrega dos novos trens”. Os deputados populares explican que “este plan se circunscribe unicamente ás comunidades de Asturias e Cantabria”.
As obras de reparación, que inclúen as derivadas do burato que provocou o corte ao tráfico na N-642 á altura da entrada a Burela, “non responden ao comprometido por Renfe no 2018: un plan de actuación para mellorar a calidade do servizo ferroviario entre Ferrol e Ribadeo, onde o material rodante é causante da maioría das incidencias e precisa ser modernizado”, sinalan.