Os populares destacan que “son moitos os concellos que viron como nesta lexislatura non se cumpriron as previsións de construción de residencias, como poden ser os casos do Courel, Ferreira de Pantón, Guitiriz (estivo parada practicamente dous anos), Ourol e outra moitas, como a de Becerreá, que leva construída máis dun ano e non se pon en funcionamento”
Lugo, 21 de abril de 2023. O bigoberno provincial leva moitos meses buscando a maneira de librarse da súa rede de residencias, aínda moi lonxe de estar completa. De novo, socialistas e nacionalistas intentan que a Xunta se faga cargo dun servizo que, polo que parece, se ven incapaces de xestionar. O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: “A licitación da residencia da Pobra do Brollón é unha total e absoluta tomadura de pelo e unha mostra máis da nefasta xestión polo goberno provincial das residencias”.
Para Castiñeira, “se algo evidencia ese fracaso nas residencias de Tomé é que levan unha moción ao próximo pleno para ceder as residencias á Xunta de Galicia”. Sinala: “Dá a imaxe de que non son capaces de xestionalas; crearon unha rede que non poden manter e non sabe xestionar”.
Os populares destacan que o bigoberno provincial ten “compromisos con concellos que non son capaces de cumprir, como é o caso da Pobra de Brollón”. Engade: “E como este concello hai moitos outros que viron como nesta lexislatura non se cumpriron as previsións de construción de residencias, como poden ser os casos do Courel, Ferreira de Pantón, Guitiriz (estivo parada practicamente dous anos), Ourol e outra moitas, como a de Becerreá, que leva construída máis dun ano e non se pon en funcionamento”.
No PP lamentan “moitísimo a nula xestión de Tomé e comprendemos a todos estes concellos, como o de Portomarín e os doutras localidades, que viron como as promesas feitas no 2019 volven repetirse no 2023”.