O goberno provincial deixa claro, segundo Balado, que os concellos que non son da súa cor política poden perder toda esperanza de recibir neste mandato fondos compensatorios da discriminación sufrida ata agora
O viceportavoz popular, Francisco Balado, sinala: “Que o PSOE e o BNG usan a Deputación de Lugo máis para os seus fins partidistas que para atender ás necesidades da provincia e que fan un reparto sectario, témolo denunciado durante toda esta lexislatura. Non hai máis que mirar a rolda de prensa posterior a reunión da xunta de goberno de onte para ver como o bipartito entende que, para rematar a lexislatura, ten que seguir facendo o mesmo que fixo durante todos estes anos. Novamente é absolutamente sectario o reparto que leva a cabo”.
O mesmo portavoz popular explica: “Entendemos que nos concellos hai moitas prioridades que non se están valorando, que por non ser concellos da súa cor política non foron escoitados. Lamentámolo porque hai moitos veciños da provincia que non son tidos en conta por este goberno da Deputación de Lugo, sectario, que unicamente pensa en como beneficiar aos seus candidatos para as próximas eleccións municipais”.
Os populares denuncian o que consideran un feito gravísimo, “e máis aínda neste tempo, no que moitos concellos esperaban unha volta de torca definitiva, polo menos para verse compensados despois de tantos anos e de tantas xuntas de goberno nas que non foron tidos en consideración, pero seguen na mesma liña”.
Balado di: “Lamentamos moitísimo o que se lles fai a todos eses concellos que se ven prexudicados, que non parecen practicamente nunca nas xuntas de goberno e aos que apenas se reparten fondos, salvo os do Plan Único”.