Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Xermade incorpora a Sandra de Bernardo como número 2 da candidatura ás municipais que encabeza Antonio Riveira

Sandra de Bernardo amósase agradecida por formar parte da candidatura e quere traballar para que “os máis novos teñamos oportunidades para traballar e vivir no noso municipio”

Xermade, 18 de abril de 2023. A candidatura do Partido Popular ás vindeiras eleccións municipais que encabeza Antonio Riveira incorpora como número 2 da lista a unha veciña de Cazás de 24 anos, Sandra de Bernardo, que é membro de Novas Xeracións e conta con formación en Márketing e Publicidade e tamén en Relacións Laborais e Recursos Humanos.

De Bernardo asegura estar “moi ilusionada e con moitas ganas” de traballar por Xermade, “un concello pequeno, pero moi especial. Tanto pola súa xente como polas súas fermosas paisaxes”, destaca. Así mesmo, indica que “dende sempre vin a política como algo necesario e interesante porque axuda a mellorar a vida das persoas e facer o seu día a día máis fácil”.

A número 2 da candidatura do PP de Xermade agradece “a oportunidade de formar parte da candidatura ás vindeiras eleccións municipais no meu municipio” e avanza que “estou disposta a traballar, xunto aos meus compañeiros, para que os máis novos teñamos oportunidades laborais que nos permitan atopar un emprego e quedar a vivir no noso municipio”. Así mesmo, subliña outro dos puntos relevantes do programa dos populares: “potenciar e poñer en valor o noso rural”.

EQUIPO REPRESENTATIVO DA POBOACIÓN DE XERMADE

O alcaldable popular, Antonio Riveira, destaca que “Sandra de Bernardo representa ás novas xeracións do PP e á xuventude con preparación e ganas de traballar”. Riveira engade que, “xunto ao resto do equipo, formaremos un grupo de traballo polo Concello de Xermade integrado por persoas que representan a tódolos ámbitos da poboación, idades, parroquias e actividades”.

Exit mobile version