Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz ultima o programa económico municipal, que inclúe a supresión da plusvalía e bonificacións na contribución aos empadroados

A avogada Mercedes Rodríguez, que será a número dous da lista popular, destaca a necesidade de rebaixar a presión tributaria para atraer poboación e para apoiar aos veciños de Foz

Foz, 13 abril de 2023. O candidato á alcaldía de Foz polo PP, e actual portavoz popular, Javier Castiñeira, xunto cos membros do seu equipo, desenvolven o calendario de reunións que fixaron coas asociacións de veciños e outros colectivos sociais. Os populares teñen xa practicamente pechado o seu programa económico para o Concello para os próximos catro anos. O candidato, sinala: “Dentro da idea fundamental do PP de gobernar dende o primeiro día se así o deciden os veciños de Foz o próximo 28 de maio, e non como leva facendo o bipartito PSOE-BNE que botou a práctica totalidade da lexislatura escusándose en que eran inexpertos, o PP de Foz traballa, co grupo municipal e con persoas como Mercedes Rodríguez, que se incorporan ao equipo popular, nun plan económico que é necesario e que inclúe unha reestruturación dalgunhas ordenanzas”.

Castiñeira explica que unha parte do plan económico é “eliminar o imposto da plusvalía” Indica: “Se gobernamos, se temos a posibilidade que dá a maioría, eliminaremos ese imposto, que afecta as transmisións patrimoniais, no primeiro ano de goberno”. Igualmente, di que “hai que traballar na contribución (IBI), porque “o PSOE prometeu rebaixar a contribución e non o fixo, a pesar de que o PP llo lembrou varias veces durante a lexislatura”. A este respecto, a avogada Mercedes Rodríguez Moreda, que será a número dous da lista do PP, declara: “O PP entende que hai que bonificar ás familias empadroadas en Foz; é importante para atraer poboación e para que os que viven aquí estean respaldados. Hai que bonificar ás familias que viven no rural, porque necesitan máis apoio”.

Castiñeira resalta a necesidade de “facilitar unha serie de impostos municipais que deben ser reestruturados, porque nestes catro anos non se fixo nada e incumpríronse promesas como a rebaixa da contribución”. Engade: “Estamos traballando nesa liña, con moita ilusión. É necesario facelo nos próximos catro anos para que os nosos veciños se sintan respaldados e non enganados polo equipo de goberno, como pasou nesta lexislatura, cun bipartito (PSOE-BNG) pouco activo, pouco experimentado, con demasiadas escusas e con moi pouca eficacia; con moitas présas ao final da lexislatura, e, como é sabido, os traballos de última hora non son bos compañeiros”.

Exit mobile version