Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz recolle as inquedanzas do movemento veciñal, e aposta por abrir canles de participación na vida municipal e por deseñar liñas de xestión eficaz dos asuntos prioritarios

O portavoz e alcaldable popular, Javier Castiñeira, comparte cos veciños a inquedanza pola falta de xestión para conservar e dar utilidade pública ao Asilo

Foz, 27 de abril de 2023. O portavoz e candidato á alcaldía de Foz, Javier Castiñeira, xunto co seu equipo, mantén un diálogo constante co movemento veciñal do concello. Dentro do programa de reunións que desenvolven, os populares estiveron coa directiva da asociación O Castro, de Foz. Foi, segundo Castiñeira, “unha reunión moi produtiva, moi interesante, na que comprobamos que os representantes dos veciños demandan do Concello máis e mellor xestión e máis participación, algo no que non podemos estar máis de acordo”.

O portavoz e alcaldable popular sinala, ao fío da citada reunión, que “hai asuntos claves neste concello, nos que concordamos totalmente coa asociación, nos que se debe facer xestión e non esperar a que pasen as cousas, como entende o PP que pasou nesta lexislatura co bipartito local”. Tal situación queda reflectida en que “non se fixo ningunha xestión no tema do auditorio, algo que a asociación considera fundamental resolver canto antes”. Castiñeira engade: “Vemos que non houbo ningunha xestión en relación ao Asilo. Tanto a asociación de veciños coma nós consideramos que é fundamental dar unha solución para, primeiro, conservar ese ben, e, segundo, para darlle unha utilidade pública”. Na reunión falouse doutros moitos asuntos, entre eles da situación da sanidade, concretamente da Atención Primaria, das listas de espera, etcétera. Castiñeira di que o PP trasladará esta preocupación á Consellería de Sanidade.

O candidato popular indicou que no encontro tratouse da ampliación do centro de saúde nos próximos anos e do inminente inicio da construción da depuradora, que xestionou o PP, a coste cero para o Concello, financiada ao 100% pola Xunta de Galicia con fondos europeos (son 11 millóns de euros).

Castiñeira explicou: “Foi unha reunión distendida, na que comprobamos a preocupación veciñal por todos os solares abandonados que hai en Foz; cando estaban na oposición, BNG e PSOE estaban moi preocupados por isto, pero, despois de catro anos de goberno bipartito, aí seguen, cada vez máis abandonados. No PP aproveitamos o anuncio do señor Pedro Sánchez de que vai mobilizar as vivendas da Sareb para dicirlle que o que ten que facer, como mínimo, é dar unha solución a todas eses solares, empezando polo de diante da Casa da Cultura”.

Exit mobile version