Castiñeira ve na contratación do Combo Dominicano “un intento de sacar rendemento político dun acto absolutamente desproporcionado, que nada ten que ver coa tradición e con todo o que se fixo nestes últimos anos, tanto no goberno de Pepe Rivera como no noso, cando organizaba Manín”
O portavoz popular, Javier Castiñeira, explica: “No pleno de onte aproveitamos para preguntar ao alcalde canto custara a actuación do Combo Dominicano. Fixemos esta pregunta a petición de numerosas asociacións, tanto veciñais como culturais, que están todo o ano facendo eventos no noso concello e escoitan ás veces as escusas do alcalde e do equipo de goberno de que non hai partida suficiente para colaborar neses eventos que eles promoven”. Engade: “Pola contra, as asociacións ven como nun evento totalmente desprogramado, e moi cerca das eleccións, o equipo de goberno tira a casa pola ventá e contrata ao Combo Dominicano”.
Castiñeira resalta que “o equipo de goberno non quixo contestar no día de onte, aínda que entendemos que si sabe a resposta; citounos para o próximo pleno, cando xa estamos no último da lexislatura, co cal entendemos que o alcalde esconde algo ou non quere que se coñeza esa cantidade”.
O PP insistirá en demandar a información que on se lle negou, “porque nos parece moi grave e porque hai moita xente traizoada, que ve como se gasta a discreción”, no que considera que “é un intento de sacar rendemento político dun acto que era absolutamente desproporcionado, que nada ten que ver coa tradición e con todo o que se fixo nestes últimos anos, tanto no goberno de Pepe Rivera como no noso, cando organizaba Pedro Manín”.
A actitude do goberno local “é unha falta de respecto absoluto a eses grupos tradicionais que están aí todo o ano e que ven como o Concello de Foz prefire dar miles de euros a unha actuación allea e despreza aos nosos colectivos veciñais e culturais, que nos mostran o seu desconcerto”.