Castiñeira ve na contratación do Combo Dominicano “un intento de sacar rendemento político dun acto absolutamente desproporcionado, que nada ten que ver coa tradición e con todo o que se fixo nestes últimos anos, tanto no goberno de Pepe Rivera como no noso, cando organizaba Manín”
Foz, 28 de abril de 2023. Unha vez máis quedou claro no pleno celebrado onte pola corporación municipal de Foz que para os socialistas a transparencia na xestión e a participación son só elementos para o seu relato político, pero nada teñen que ver coa realidade dos veciños. O alcalde e o seu equipo negáronse a informar de canto custou a actuación do Combo Dominicano na pasada Festa do Chícaro.
O portavoz popular, Javier Castiñeira, explica: “No pleno de onte aproveitamos para preguntar ao alcalde canto custara a actuación do Combo Dominicano. Fixemos esta pregunta a petición de numerosas asociacións, tanto veciñais como culturais, que están todo o ano facendo eventos no noso concello e escoitan ás veces as escusas do alcalde e do equipo de goberno de que non hai partida suficiente para colaborar neses eventos que eles promoven”. Engade: “Pola contra, as asociacións ven como nun evento totalmente desprogramado, e moi cerca das eleccións, o equipo de goberno tira a casa pola ventá e contrata ao Combo Dominicano”.
Castiñeira resalta que “o equipo de goberno non quixo contestar no día de onte, aínda que entendemos que si sabe a resposta; citounos para o próximo pleno, cando xa estamos no último da lexislatura, co cal entendemos que o alcalde esconde algo ou non quere que se coñeza esa cantidade”.
O PP insistirá en demandar a información que on se lle negou, “porque nos parece moi grave e porque hai moita xente traizoada, que ve como se gasta a discreción”, no que considera que “é un intento de sacar rendemento político dun acto que era absolutamente desproporcionado, que nada ten que ver coa tradición e con todo o que se fixo nestes últimos anos, tanto no goberno de Pepe Rivera como no noso, cando organizaba Pedro Manín”.
A actitude do goberno local “é unha falta de respecto absoluto a eses grupos tradicionais que están aí todo o ano e que ven como o Concello de Foz prefire dar miles de euros a unha actuación allea e despreza aos nosos colectivos veciñais e culturais, que nos mostran o seu desconcerto”.