Site icon Crónica3.com A Mariña

O mar de Galicia saca músculo en Gourmets para impulsar o consumo de peixes e mariscos e poñer en valor o traballo do sector marítimo-pesqueiro

A conselleira do Mar asistiu hoxe á inauguración da 36ª edición da feira internacional de alimentación e bebidas de calidade Gourmets e visitou ás empresas galegas

Madrid, 17 de abril de 2023. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe a necesidade de apostar polas accións de promoción de produtos do mar dentro e fóra de Galicia co fin de difundir a calidade dos peixes e mariscos galegos e poñer en valor o traballo dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro. Nesta liña, puxo de relevo a importancia de acudir a feiras como Gourmets, que se celebra desde hoxe ata o 20 de abril en Madrid. Fíxoo durante a xornada de inauguración deste certame na que tamén participou o conselleiro do Medio Rural, José González, e onde ambos apoian coa súa presenza ás empresas galegas que participan nel.

A Consellería do Mar acode a esta feira cun posto de 490 metros cadrados de superficie no que acolle a 23 empresas coexpositoras da cadea mar-industria. Ademais, neste espazo desenvolverá distintas actividades como degustacións a través da iniciativa Galicia comparte mesa –chefs e comensais interactuarán durante toda a sesión– e experiencias de realidade virtual para coñecer a vida mariñeira e pesqueira da comunidade grazas á acción GALICIA SABE AMAR 360º.

Con estas accións enmarcadas na campaña GALICIA SABE AMAR, explicou a conselleira, a comunidade difunde o sabor do mar a nivel nacional e internacional e busca impulsar o incremento dos prezos dos produtos pesqueiros. Isto reflíctese en feitos como a cotización media de 3,26 euros o quilo acadada nas lonxas galegas en 2022 e que é un 30% superior ao promedio da serie histórica, que se remonta ao 2002.

En canto ás iniciativas de promoción no ámbito nacional, destacou as catro rutas que están a realizar as foodtrucks de GALICIA SABE AMAR pola xeografía española ofrecendo degustacións de petiscos elaborados a base de peixes e mariscos e sobre as que se pode consultar máis información na web https://galiciasabeamar.xunta.gal.

No caso de Gourmets, as catas e degustacións serán un dos pratos fortes deste espazo e a través delas amosaranse os beneficios de produtos do mar de Galicia como os procedentes da pesca artesanal e amparados polo selo de calidade pescadeRías. Tamén se promocionarán a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, a ameixa e o berberecho de Carril, a pescada do pincho de Burela, as conservas de peixes e mariscos e os produtos do mar ecolóxicos e de organizacións de produtores, entre outros.

Para hoxe ao mediodía está programada unha de produtos co selo pescadeRías na que a chef encargada das receitas é Emma Pinal, de Gastrobar O Birrán (Ribadavia, Ourense). Posteriormente haberá outra cata de receitas con troita e rodaballo, a cargo do cociñeiro Miguel F. Vidal do restaurante Morgana (Madrid) e na que colabora a Asociación de Produtores de Acuicultura de Galicia. Pola tarde haberá outras dúas degustacións, unha de pescadeRías realizada por Criselda Iglesias de Tapería Lecer (Cangas do Morrazo) e outra con conservas de peixes e mariscos, a cargo de Miguel F. Vidal, do restaurante Morgana (Madrid) e que conta coa colaboración de Anfaco-Cecopesca.

Exit mobile version