No Concello tivo lugar nas últimas horas un pleno extraordinario “para tratar o importante asunto da licitación do Ciclo da Auga en Ribadeo, logo de que o Tacgal (Tribunal Administrativo de Contratos de Galicia) estimase un recurso presentado pola empresa Viaqua e inadmitise outros dous contra os pregos técnicos aprobados anteriormente pola Corporación”, segundo explicou o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor contou que “o que acordamos foi subscribir por unanimidade o informe-proposta da secretaría municipal para desistir deste expediente de contratación, e iniciar outro novo inmediatamente tomando en consideración os aspectos que este Tribunal Administrativo sinalou. E así se fará desde hoxe mesmo, e sabendo que iniciamos un proceso que deberá continuar a seguinte Corporación Municipal”.
Suárez Barcia subliñou que “temos por diante un reto para cumprir a legalidade da Lei de Contratos para cando vencen as Concesións de Servizos e que non queden ilegalmente sen contrato, para garantir o mellor servizo da auga en Ribadeo e para conseguir melloras necesarias en infraestruturas de almacenamento de auga, de control, de mellora de fugas, de modernos tratamentos de desinfección, etc. Todo isto, para seguir sendo un Concello moderno e punteiro en cousas tan importantes coma a auga que bebemos”.