O goberno local lamenta que a presidenta de Portos non aproveitase a súa visita a Xove para achegarse a Viveiro
Viveiro, 4 de abril de 2023. O Concello de Viveiro lamenta que a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, non aproveitase a súa visita de onte ao Concello de Xove para achegarse a Viveiro e manter a xuntanza que a alcaldesa lle solicitou hai máis dun mes.
O goberno municipal recorda que noutras ocasións, a máxima representante do ente autonómico dependente da Xunta si incluíu no seu itinerario polos municipios da comarca a Viveiro para tratar algún dos temas pendentes, polo que non entende que nesta ocasión evitase unha cita que se pediu xa a finais de febreiro.
A Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, solicitou unha reunión coa presidenta de Portos co fin de presentar no ente autonómico o proxecto de pavimentación e servizos da rúa do Porto de Celeiro. O plan, elaborado dende o Concello, ten como finalidade executar as actuacións necesarias para a mellora e humanización desa zona.
Para levalo a cabo, o Concello vai asinar un convenio coa Deputación de Lugo, pero é preciso, asemade, asinar outro con Portos de Galicia xa que este proxecto se desenvolve en zona portuaria.
Dende o Concello de Viveiro consideran que a relevancia desta obra, que sen dúbida repercutirá na calidade de vida dos veciños e veciñas da vila, merece a debida atención e resposta por parte da presidenta de Portos, Susana Lenguas.